En víspera do Día internacional contra o cancro de mama, o BNG leva ao Parlamento galego unha proposta para que desde o sistema sanitario se garanta a igualdade de acceso de todas as mulleres aos programas de prevención contra esta enfermidade, con independencia de lugar de residencia.
Neste sentido, a portavoz parlamentar de Sanidade, Montse Prado, pon como exemplo de mellora no tratamento integral o caso da Unidade de Mama do Hospital Meixoeiro de Vigo, que está a demostrar a súa eficacia diagnóstica e terapéutica e ten permitido incorporar innovacións con tratamentos menos invasivos e maior seguridade e precisión para localizar os tumores.
Trasladar ao resto do sistema este tipo de tratamento debería ser unha prioridade para o Goberno galego, salienta a deputada, posto que estamos a falar da saúde e da vida das persoas. Prado tamén fixo fincapé na importancia de incrementar os recursos dispoñibles para financiar os programas de rehabilitación ás mulleres afectadas polo cancro de mama, unha vez finalizado o tratamento.
Ampliar os recursos de rehabilitación debe ser prioritario para prever os edemas linfáticos que afectan ao 25% das mulleres á que se lles practica unha mastectomía, porque esa rehabilitación permitiría mellorar a calidade de vida e impedir a aparición desa secuela, explicou Prado.
Neste sentido, solicita á Xunta un plan de extensión do sistema integral utilizado pola Unidade de Mama do Hospital Meixoeiro a todas as áreas sanitarias de Galiza co correspondente compromiso orzamentario.