O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, sumouse á manifestación convocada pola CIG en apoio á frota cefalopodeira galega, amarrada a porto desde fai máis dun ano tras ser excluída do acordo pesqueiro UE-Mauritania, polo que o país africano recibirá 140 millóns de euros de Bruxelas.
Vence salientou que o BNG traballa para acadar que a Eurocámara rexeite este acordo na decisiva votación prevista para a sesión plenaria do vindeiro 8 de outubro. O Parlamento Europeo debe votar en contra deste acordo inxusto que penaliza dun xeito arbitrario a nosa frota, tendo en conta que todos os estudios científicos confirman o bo estado do stock de polbo no caladoiro africano, explicou.
O portavoz nacional criticou a irresponsabilidade política do PP, tanto no Goberno central como na Xunta, incapaz de defender os intereses da frota galega ante a Comisión Europea durante o proceso de negociación. Agora urxe que este acordo quede rexeitado e iniciar de inmediato a redacción dun novo protocolo que, esta vez si, inclúa á frota galega, explicou.
En paralelo, o BNG demanda que se busquen novos caladoiros a través de procesos de negociación da UE con terceiros países como Senegal ou Guinea-Bissau, aptos para a frota cefalopodeira. Igualmente, Vence considera necesario manter as axudas á tripulación e aos armadores afectados mentres non teñan máis alternativa que estar amarrados a porto.
Xunto co portavoz nacional do BNG, tamén participaron na manifestación os membros da Executiva nacional, Bieito Lobeira, Ana Miranda e Francisco Jorquera, así como a deputada no Congreso, Olaia Fernández, e o portavoz de pesca no Parlamento galego, Daniel Rodas.