O BNG transmitiu á Plataforma SOS Sanidade Pública que presentará emendas aos orzamentos da Xunta de 2014 para corrixir a política de recortes que mantén o Goberno do PP tamén en materia sanitaria, política de recortes que ten reducido en 267 millóns de euros, un 18,6%, os recursos adicados á atención primaria desde que Feijóo preside a Xunta.
Hai que mudar a tendencia de recorte continuo na sanidade pública, e para iso o BNG presentará emendas con modificacións orzamentarias que garantan un servizo sanitario á altura das necesidade da cidadanía galega, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, no encontro co presidente da plataforma, Manuel Martín, a quen transmitiou todo o apoio da formación, e no que tamén participou a portavoz parlamentar en sanidade, Montse Prado.
Vence salientou unha medida que considera particularmente lesiva para a cidadanía: o copago dos medicamentos hospitalarios, que afecta dun xeito moi grave precisamente aos doentes crónicos que, ademais de sufrir a enfermidade, engádeselle a penalización do copago que pode chegar ao 50%, denunciou, unha porcentaxe que pode ser inasumible para as persoas máis humildes como os pensionistas con pensións mínimas.
Esta medida inhumana vai xerar situacións dramáticas con afectados en risco de non poder atender as súas necesidades sanitarias ante a imposibilidade de asumir o copago, alegou, por iso o BNG seguirá batallando pola retirada desta medida. Unha sociedade civilizada non pode deixar a ningún cidadán afectado por doenzas crónicas pendente de que o tratamento que recibe dependa da súa situación económica, concluíu.
Neste sentido, salientar que dentro da estratexia de insubmisión do BNG á política de recortes do PP, numerosos concellos con goberno nacionalista, nunha iniciativa iniciada polo Concello de Riotorto, anunciaron que asumirán o custe do copago mentres a Xunta non se faga cargo ou mentres non se acade a retirada desta medida aprobada polo Goberno central e aplicada acriticamente polo Executivo galego.