Feijóo ten que asumir xa a investigación das Caixas

Ana Pontón emprazou este Mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que asuma as súas responsabilidades e traballe para garantir o futuro do sistema financieiro galego, “pois se antes do resgate á banca este futuro xa estaba en xogo, agora se pode certificar a súa defunción”, afirmou.

Ana Pontón, na sesión de control ao goberno, criticou que Feijóo considere unha boa noticia para Nova Galicia Banco o resgate e advertiu que esas palabras teñen a mesma credibilidade que as de Rajoy antes de irse ao fútbol, cando negaba tal resgate.

Para a voceira parlamentar, o presidente da Xunta ten que deixarse de “frivolidades” e apostar por propostas concretas, como as que lle prantexa o BNG, que pasan por unha comisión de investigación no Parlamento, porque os galegos e galegas teñen dereito a saber que pasou coa xestión da caixas e cales son as responsabilidades políticas desa xestión, e por unha banca pública galega.

O resgate á banca non é unha boa noticia para NGB, certifica a súa defunción

Medo a investigar

“Aposte pola verdade e a transparencia –dixo- deixe as escusas e levante o veto á creación da comisión. Vostedes levan meses negando e votando en contra da mesma, porque sabe que si hai responsabilidades e que mesmo poden ser penais, por iso non queren que se investigue”.

Banca pública

Sobre a banca pública, Ana Pontón asegurou que é a única alternativa para superar un modelo ao servizo dos mercados que fracasou, como se está comprobando estes días co resgate, e que levou á ruina a milleiros de persoas, tanto en Europa como non País.

Para a voceira parlamentar, se Feijóo non asume a proposta nacionalista estará sendo cómplice do espolio do aforro galego e estará demostrando que prefire ser sumiso á banca e á direción do PP en Madrid antes que exercer de presidente da Xunta.

Feijóo non pode dar lecións de coherencia porque o PP apoiou todos os bandazos normativos das reformas financieiras

“Se vostede non fai nada –engadiu- convertirase en mero espectador dunha situación moi grave. A Banca pública é a única alternativa para ter un instrumento que financie o noso tecido produtivo, unha banca sen escándalos como o das preferentes”.

Incoherencias do PP

Ante a teima de Feijóo de fuxir do debate e culpabilizar de todo aos demais, lembroulle que non está en disposición de dar lecións de coherencia, pois os únicos pactos que se deron ao redor das caixas e das reformas financieiras foron entre o PP e o PSOE.

Ana Pontón refrescou a memoria do presidente da Xunta e puxo enriba da mesa o apoio do PP a todos os bandazos normativos que levaron á desaparición das caixas; o respaldo á súa bancarización; lembrou como foi o PP o que deixou sen efecto a lei de Caixas e como liderou un proceso de fusión que o BNG non apoiou polos seus riscos para o futuro das entidades.

Asemade, fixo referencia á reciente votación no Congreso na que se pedía a transferencia da participación no FROB a Galiza e PP e PSOE se negaron, “non sabemos que opina vostede do sentido de voto dos deputados do seu partido electos por Galiza”.

“Rescatan á banca, rouban ao pobo”

Os deputados do BNG volveron facer público o seu rexeitamento contra o resgate á banca amosando dende as bancadas uns carteis da campaña “Rescatan á banca, rouban ao pobo”.

“Se nos dixo que non había cartos para a sanidade, nin para a educación ou para pagar aos afectados polas preferentes e agora imos ter que pagar 100.000 millóns de euros con novos recortes e maior endebedamento, sen que os cidadáns saibamos a verdade nin teñamos dereito a opinar”, concluiu a deputada.

http://youtu.be/qiD39cdgoAk

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG