O director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, recoñeceu hoxe en resposta ao BNG que censurou o acto organizado pola Plataforma das Artes Escénicas no Salón Teatro de Santiago con motivo do Día do Teatro e asumiu a decisión como algo normal debido ao contido do acto.
Ana Pontón cualificou de gravísimas estas afirmacións, contrarias a calquera principio democrático, e afirmou que por dignidade o propio Fasero debería presentar a súa dimisión, senón o BNG a demandará formalmente en sede parlamentar.
Vostede está desacreditado para seguir ao frente do seu cargo e evidencia coa súa actitude que a involución democrática deste goberno, sobre todo no que atinxe á cultura do noso País, é máis grave aínda do que nos parecía.
Para a parlamentar, non é de recibo a frialdade coa que o director de AGADIC asumiu a prohibición do acto do Día do Teatro, que están en sintonía coas palabras do conselleiro de Cultura cando dixo que os teatros non están para actos reivindicativos.
Os teatros non están para actos reivindicativos é unha afirmación máis propia dun ministro franquista que dun membro dun goberno democrático
Para a deputada, este tipo de afirmacións recordan demasiado a outras épocas, son máis propias dun ministro franquista que dun membro dun goberno democrático, argumento que foi replicado por Fasero asegurando que o PP lle devolveu a liberdade á cultura e os artistas galegos.
Dirección CDG
Ana Pontón advertiu ao director de AGADIC que tamén ten un problema de credibilidade porque para xustificar o cese da anterior directora do CDG, Blanca Cendán, como represalia por si autorizar o acto censurado, deron tres versións diferentes.
Primeiro, recordou a parlamentar, a Consellería explicou que non ía facer públicos os motivos da destitución, logo se falou de mala xestión e finalmente, hoxe, falan de que había un problema de interlocución co sector, cando o problema da dita interlocución quen o ten realmente é vostede.
Para a voceira nacionalista, é inmoral do ponto de vista político e un despropósito que se tente agochar a decisión do cese tentando desacreditar á persoa que estivo no seu goberno, isto si que é innovación ironizou- un goberno que non goberna e que se fai oposición a si mesmo.
Crise no teatro institucional
Neste sentido, Ana Pontón reiterou o seu asombro polas declaracións feitas polo novo director do CDG, Manuel Guede, cuestionando a xestión de Blanca Cendán e dicindo que fora nefasta e que o seu contrato non foi a través de concurso público.
Pero o que máis nos asombra aínda engadiu- é que ninguén dende a Consellería nin vostede hoxe desautoricen esas palabras senón que as compartan, que é como dicirnos que mentiron durante estes tres anos.
Finalmente, a deputada do BNG puxo enriba da mesa que segue sendo unha incógnita o futuro do CDG, pois a estas alturas non hai ningunha produción propia programada e nunca aconteceu unha crise coma esta no teatro institucional.