O voceiro de Ensino do G.P do BNG, Cosme Pombo, mantivo esta tarde un encontro con membros da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público para intercambiar impresións sobre o deterioro do sector logo de catro anos de políticas de recortes do PP e para estudar os próximos retos ante a nova lexislatura e ante o anteproxecto de Lei para a mellora da calidade educativa (LOMCE).
Cosme Pombo comprometeu o apoio do BNG á hora de defender o dereito a un ensino galego, laico, público e de calidade, que non sexa víctima de novos recortes nos próximos orzamentos, e a traballar dende o ámbito institucional para que o Parlamento galego esixa ao goberno central a retirada da LOMCE.
O deputado nacionalista e a Plataforma coincidiron en advertir que a futura lei atenta contra as competencias de Galiza en materia educativa e trae consigo un sistema cada vez menos equitativo, racha coa igualdade de oportunidades, negando o dereito básico de acceso universal á educación.
Ensino elitista e uniformizado
O PP quer impoñer, de novo, un modelo de educación elitista, no que só poidan estudar uns poucos, que expulsa do ensino aos sectores máis desfavorecidos da sociedade e elimina a xestión democrática dos centros, recortando dereitos laborais e profesionais do profesorado.
Asemade, a LOMCE avanza na recentralización e na uniformización, ao negar o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado, denuncia o deputado do BNG.
Feijóo ten que comparecer no Parlamento para dicir se está do lado dun ensino para todos ou do lado da súa privatización e mercantilización
Para o parlamentar e os representantes da Plataforma, un País non pode avanzar nin medrar se non inviste en educación, investir en educación é investir en futuro, por iso consideran que Feijóo ten que comparecer en sede parlamentar para dar conta da súa posición sobre a Lei.
É un tema suficientemente importante para que os galegos e galegas coñezan de que lado está o máximo responsábel do goberno, se do lado da privatización e da mercantilización ou do lado da universalidade do ensino