O BNG demanda que a Xunta investigue a discriminación lingüística que tivo que soportar unha nena de dez ano nun campamento de verán organizado polo centro hípico Casas Novas de Arteixo, que rematou coa saída da menor a petición propia tras confesarlle a nai sentirse humillada e desprezada por falar en galego.
A nena tivo que soportar, segundo relatou, como monitoras do campamento a recriminaron por usar a lingua galega dicíndolle que se explicaba mal, para a continuación instala a falar castelán: Aquí todos hablamos castellano y tú tienes que hablar el castellano. Con todo, máis aló da actitude inaceptable da monitora, aínda é máis inadmisible a resposta dos encargados do centro tras a denuncia da nai.
No le des importancia, tienes que entender que aquí no todos hablan gallego ou será porque no la entienden, foi todo o que obtivo por resposta á súa demanda para por fin a discriminación da menor.
O BNG, a través da deputada Ana Pontón, presentou unha iniciativa na Cámara instando á Xunta a censurar esta discriminación, reclamando que actúe para evitar que este tipo de actitudes que violentan dereitos humanos fundamentais fiquen impunes. Ademais, o Bloque solicita que a Administración galega poña os medios necesarios para realizar denuncias de discriminación lingüística, facilitando apoio xurídico gratuíto as persoas que queiran denunciar.
A iniciativa, en forma de proposición de lei, será debatida en pleno para sometela a consideración de todos os grupos da Cámara.