A deputada do BNG,MOntse Prado denunciou que na primeira canle da Televisión galega dedicase un minuto a recomendar unha lectura e o programa Zigzag reponse a altas horas da madrugada
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Control da CRTVG sobre o cumprimento legal da Televisión galega para a promoción e difusión da lingua e cultura galega.
A parlamentaria explicou que os medios de comunicación pública transmiten valores, símbolos e representacións, ademais de construír referentes sociais e culturais e co medre de canles, e novos sistemas de información, a construción da nosa identidade, se cabe, debe ocupar un lugar predominante nos medios públicos galegos pero, lamentablemente, constatamos que a RTVG coloca a cultura nos tramos de mínima audiencia.
A RTVG foi creada para divulgar e difundir a lingua e cultura galega
A deputada insistiu en que os medios públicos galegos foron creados para informar, pero sobre todo, para divulgar a cultura e lingua de Galiza. Neste sentido, afirmou que en vez de producirse un reforzo da nosa cultura, o que realmente se produciu foi unha redución da programación cultural a mans do propio director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que meteu, dun xeito brutal as tesoiras para eliminar da grella a maior parte de espazos dedicados a difundir a creación artística, literaria, artes escénicas, cinema...
Asemade denunciou a eliminación da primeira canle espazos de música popular galega trasladándoos á segunda en horarios de pouca audiencia. O BNG xa denunciou en varias ocasións, dixo, a falta de apoio á cultura galega nos medios públicos, e denunciou que a CRTVG segue sen cumprir a lei nesta materia.
Pola súa parte, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo negou que os medios públicos condenen á residualidade a cultura galega e destacou que das 61.000 horas de emisión en galego e no último ano foron dedicadas 6.654 horas en programas de contido cultural entre os que destacou Zigzag con 25 minutos e Diario cultural da Radio galega e aos que sumou o mítico Luar, o programa musical Bamboleo, e o de coros Happy Day.
Montse Prado acusa a Sánchez Izquierdo de seguir o ditado do PP
Na réplica, a nacionalista recalcou que na primeira canle hai só un minuto para a recomendación dunha lectura e a reposición en horario de madrugada do programa Zigzag e na Radio Galega a loable excepción do Diario Cultural. A parlamentaria acusou a Sánchez Izquierdo de seguir as directrices do Partido popular e de pouca vergoña por defender os programas Bamboleo e o mítico Lugar como programas culturais