O BNG chama a un Día da Patria Galega 2012 masivo para dicirmos alto e claro que o que hai que rescatar non é a banca privada, senón os nosos dereitos. Os dereitos nacionais e os dereitos sociais. Por iso o lema escollido polo BNG para a campaña do Día da Patria Galega 2012 é precisamente Rescata os teus Dereitos. En Bloque Podemos! E claro que podemos, se traballamos cóbado con cóbado coa sociedade galega, unha sociedade que, lonxe dos tópicos, si se move e si defende os seus dereitos.
O BNG ten programado unha intensísima campaña preparatoria do Día da Patria Galega 2012 con infinidade de actos -macro e micro- ao longo e ancho do país. Cartaces. Folletos. Discursos. Moito contacto porta a porta e a pé de rúa.
Acto central, a grande manifestación patriótica
Coma sempre, o acto central da campaña será a grande manifestación que sairá o 25 de Xullo da Alameda (12 horas) e que concluirá na Praza da Quintana, con especial destaque para os discursos do portavoz nacional e do noso candidato á presidencia da Xunta, Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente.
Mais haberá tamén espazo para o lecer e para o convivio: un Festigal xa incontornábel e xa por méritos proprios referente do verán galego, que durante 48 horas, xa desde o 24 de Xullo, encherá de enerxía o campus sul da USC.