A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia da Ministra de Emprego e Seguridad Social, Fátima Báñez, para que acuda á Cámara a explicar a relación existente entre a lixeira baixada do paro en novembro e a redución de 66.829 afiliacións á Seguridade Social.
Calquera observador pode concluir que non caben triunfalismos no tema do desemprego porque unha baixada de 2.475 nas litas do paro seguida dunha perda importante de afiliacións á Seguridade Social leva a conclusións moi negativas sobre a tendencia na destrución de emprego, afirma Davila.
Para a deputada do BNG está claro que a redución nas listaxes do paro se debe a persoas que xa esgotaron a súa prestación, que na desesperación xa non se apuntan ou que están a optar pola emigración. O importante descenso nas afiliacións é un dato moi preocupante, indica verdadeiramente que a reforma laboral do PP segue a súa función de apisonadora, destruindo postos de traballo a mansalva.
Olaia Fernández Davila ironizou sobre o mantra do Goberno. Vai para dous anos que ante cada dado sobre o paro temos que escoitar á Ministra Fátima Báñez cantar as bondades da reforma laboral e escoitar que dará os seus froitos no futuro. Non hai que agardar a ningún futuro, a reforma laboral do PP xa deu froitos desde o minuto cero, e continúa porque só ten por obxectivo os despedimentos, e a contratación precaria con salarios cada vez máis vergoñentos.
A deputada do BNG considera que a Ministra debe dar a cara no Congreso e explicar a auténtica verdade que se agocha detrás destas cifras, e deixar de contarnos contos que ninguén se cre a estas alturas.