Davila presenta unha proposición para que se suspendan os programas de armamento

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a suspender os pagos de programas especiais de armamento, e por tanto, anular o Real Decreto 26/2012, de 7 de setembro, que concede un crédito estraordinario de 1.782 millóns de euros ao Ministerio de Defensa para pagos de “programas especiais de armamento”.

Davila lembra que o pleno do Congreso debatiu o pasado 20 de setembro o Real Decreto mencionado, que finalmente se tramitará como proxecto de lei. “O BNG votou en contra deste Decreto porque nun contexto de grave crise económica como o actual, no que se aplican duras medidas de recortes que afectan ás maiorías sociais, e cando están na corda frouxa a sanidade, a educación e os servizo público, é totalmente impensábel que se xustifique o aumento do orzamento destinado a Defensa”.

Menos Estado de Benestar mentras se aumenta o orzamento a Defensa

A deputada do BNG subliña que Ministerios con importantes funcións para estimular a economía sofriron unha merma considerábel nas súas partidas. “Co crédito que antes mencionamos e que o Goberno levou ao pleno a semana pasada, Defensa pasa a ser o único ministerio con maior orzamento para o 2012”.

Para Davila “é realmente difícil xustificar socialmente que na actual situación, cando cada vez parece máis claro que o Goberno español terá que peder un segundo resgate, se vaia incrementar o orzamento de Defensa. Resulta complicado entender que aos cidadáns se lles rebaixe constantemente o poder adquisitivo, que teñan que co-pagar as medicinas, pagar máis polas matrículas universitarias, que se cancele a Lei de Dependencia, que se recorte o Estado de Benestar de maneira salvaxe, mentras se sube o orzamento de Defensa”.

A parlamentar nacionalista pón de manifesto que o BNG sempre propuxo que se aplicase a tesoura ao orzamento de Defensa, xunto coa eliminación de gastos supérfluos e a eliminación de estruturas administrativas caducas como as deputacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG