A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pregunta ao Ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, se comparte a proposta do PP no Parlamento Europeo de eliminar a información sobre a orixe da materia prima nas etiquetas das conservas.
Davila alude á aprobación no Parlamento Europeo, o pasado 12 de setembro, do documento da OCM dos Productos de Pesca e Acuicultura, coñecido como Informe Stevenson, un dos catro informes da futura Política de Pesca Común.
A raíz dunha emenda da eurodeputada do PP, Carmen Fraga, eliminouse a obrigatoriedade de especificar a orixe dos mariscos, moluscos e peixes nas conservas. Polo tanto, de prosperar o documento tal e como ficou emendado polo PP, a información sobre a procedencia da materia prima non será obrigatoria na etiquetaxe.
Esta ocultación de información prexudicará aos consumidores e ao sector da conserva. Os consumidores non saberán de onde proveñen os productos cando teñen dereito a receber toda a información precisa. Teñen dereito a saber se proceden das Rías Galegas ou de países asiáticos, sinala Davila.
Hai que facer valer o prestixio da conserva galega
Ademáis, resalta a deputada do BNG, o Goberno debería ter presente que o sector da conserva galega, un dos principais da UE, está atravesando por graves problemas debido á competencia desleal das conservas que proceden do Sudeste asiático debido ao Acordo de Partenariado entre a UE e Papúa Nueva Guinea, que os exonera do pago de aranceis. Un problema que está a asfixiar ao noso sector conserveiro, e que ve como se estreita o cerco sobre a súa viabilidade futura con propostas como as incorporadas polo PP no Parlamento Europeo.
A deputada do BNG afirma que a falla de información nas etiquetas vai favorecer que as conservas procedentes de Asia e de terceiros países se van aproveitar do mal etiquetado, mentras a conserva galega quedará desprotexida. A parlamentar nacionalista reprocha que propostas tan negativas para o noso sector partiran de eurodeputadas galegas do PP.
Estas son as razóns polas que formula unha serie de preguntas ao Goberno. Quer saber Davila cal é a opinión de Cañete sobre a proposta do PP no Parlamento europeo, se comparte esa iniciativa, que beneficios lle vai reportar ao sector conserveiro galego, non cre que os consumidores deben estar ben informados?, son algunhas das preguntas que dirixe ao Goberno central.