Davila pide a Montoro que amplíe o prazo para que os emigrantes retornados tributen polas pensións

olaia16S40005A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandar ao Ministro de Facenda que amplíe o prazo para que os emigrantes retornados tributen polas pensións que perciben do estranxeiro, prazo que venceu o pasado 30 de xuño.

A deputada do BNG pón de manifesto que o 23 de xuño centos de emigrantes retornados galegos manifestábanse polas rúas de Compostela para reclamar ao Goberno unha ampliación do prazo fixado por Facenda para regularizar as súas pensións do estranxeiro.

Davila traslada a Montoro as queixas dos emigrantes galegos que consideran que o prazo foi moi axutado “xa que hai miles de casos aínda pendentes. Témense que unha vez expirado o prazo, Facenda repita a xogada do ano 2012 e se adique a enviar sancións e intereses de mora aos que non puideron regularizar fiscalmente a súa situación”.

O Ministerio foi o causante do problema

A parlamentar nacionalista sinala que “aínda que o Goberno foi o causante do problema, pechou a cuestión coa devolución dos importes das multas e dos intereses de mora, e estabelecendo un prazo para que este numeroso colectivo de pensionistas regularizase fiscalmente as súas pensións do estranxeiro con carácter retroactivo, a verdade é que non se abordou o principal problema: non se fixeron as modificacións normativas precisas para clarexar a lexislación existente”.

Olaia Fernández Davila afirma que o Ministerio de Facenda xerou un problema onde non o había, “tratando a miles de emigrantes retornados como se fosen simples defraudadores cando o feito é que nin siquera a lexislación vixente é clara, e caracterízase pola súa ambigüedade. Ademáis, sabía a Axencia Tributaria que carecían da información precisa e que incluso en moitos casos foron informados na dirección contraria, é dicer, que non tiñan que tributar por estas pensións”.

Reprocha a deputada do BNG ao Ministerio que se “movese por puro afán recadatorio. Adicouse a perseguer a un colectivo de pensionistas que hai anos tivo que saír da súa casa e da súa terra para gañarse a vida fóra, e que na actualidade está a ser o soporte dos seus fillos ou netos debido á falla de traballo, ao paro e aos salarios de miseria”.

Davila dirixe a Facenda unha batería de preguntas para pedirlle que amplíe o prazo, e para que se comprometa a non enviar máis multas nin sancións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG