A portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para que o Goberno de Rajoy explique por que razón o grupo popular no Parlamento Europeo votou en contra da demanda do BNG de que o porto de Vigo sexa considerado porto nodal na Rede Transeuropea de Transportes.
Davila traslada ao Goberno o acontecido no debate do Plan da futura Rede Transeuropea 2014-2020 na Comisión de Transportes da Eurocámara. O BNG presentou unha serie de emendas a dito proxecto que foron debatidas na Comisión do Parlamento europeo. Pedíamos a inclusión do porto vigués como porto nodal. Máis, nen o grupo popular nen o grupo socialista apoiaron a solicitude do BNG que nasce dunha demanda social e económica, e optaron por priorizar outras infraestructuras do Estado.
PP e PSOE excluiron o porto vigués da categoría de infraestructura nodal
A parlamentar nacionalista denuncia que deste xeito os grupos maioritarios decidiron excluir a Vigo da categoría de infraestructura nodal, elexindo outros portos estatais. E nen siquera tiveron a ben incluir ningunha proposta a favor de Vigo nen de Galiza. Unha posición que choca frontalmente coa liña mantida pola Ministra de Fomento.
Olaia Fernández Davila lembra que as infraestructuras da rede básica contarán cun investimento de 50.000 millóns de euros e que lles corresponde o 85% do orzamento total. En canto ao prazo temporal de realización destas infraestructuras, estabelécese a data de 2030 como límite.
Davila subliña que o porto de Vigo, polas súas características, o seu tamaño, o seu movemento de tráfico e a súa localización debería ser incluido na rede básica e non na global. Trátase do maior porto europeo en pesca, sen esquecer que será cabeceira dunha das denominadas autoestradas do mar.
A deputada do BNG salienta que queda a votación final do documento nunha sesión plenaria da Eurocámara, e sería desexábel que o partido no Goberno reflexionara sobre a súa postura e apoiase a consideración do pprto vigués como porto principal.
Esa é a razón pola que dirixe a Rajoy varias preguntas: Cal é a posición do Goberno en relación á negativa do PP na Eurocámara a que o porto de Vigo fose consideradao porto nodal? Qué consideracións lle merece a posición do grupo popular no Parlamento Europeo cando a mesma Ministra de Fomento defendeu en varias ocasións a iclusión do porto de Vigo como infraestructura nodal? Non resulta incoherente? Cambiou o Goberno a súa posición?
Finalmente, a deputada do BNG demanda ao Executivo que realice xestións para que o grupo popular no Parlamento Europeo respalde esta proposta.