A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna para manifestar o voto en contra do BNG ao Real Decreto-Lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente do sistema de formación profisional para o emprego no ámbito laboral.
Davila recriminou á Ministra de Traballo as súas afirmacións ao presentar o Real Decreto, xa que dixo que era un Decreto para mellorar as condicións laborais dos traballadores. De verdade Señora Ministra cre que esta norma vai mellorar a situación dos traballadores e das traballadoras?, preguntou Davila.
Faga caso aos traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica
A deputada do BNG pediu á Ministra que baixara á realidade e puxo como exemplo a pésima situación pola que están a atravesar os traballadores e as traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica Movistar. Esta mañá vanse manifestar polas rúas de Madrid miles de traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas de Telefónica debido ás condicións laborais escravizantes que padecen. Persoas con formación de altísima calidade que son mileuristas Señora Ministra, e que traballan a destaxo, mentras os conselleiros da compañías cobran cantidades desorbitadas.
Davila apuntou á reforma laboral como a causante desta lamentábel precarización laboral e conminou á Fátima Báñez a escoitalos, fágalles caso porque a súa situación é a demostración de cal é a realidade, de cómo están os traballadores e as traballadoras.
Criticou que de novo o Goberno lexisle mediante un Real Decreto cando debería presentar un proxecto de lei, criticou que se fixera sen o acordo dos axentes sociais e por riba invadindo competencias autonómicas. Non nos estrana que non tivera acordo porque unha cousa é actuar contra a fraude, controlando e vixiando os gastos e a xestión que se fai dos cursos, e outra moi distinta é a libre concorrencia, quitando aos axentes sociais o papel de actores principais na actividade formativa.
Lembrou o artigo 83.3 do Estatuto dos Traballadores, segundo o cal o estado ten a obriga de negociar con sindicatos e patronal os asuntos de ámbito laboral. Por certo, subliñou, tamén tería que contar con sindicatos representativos como a CIG que participaron dos acordos estatais en formación continua e que foron excluidos polo Goberno.
Finalmente, a deputada do BNG denunciou a invasión competencial. Este Real Decreto invade competencias exclusivas en materia de execución da formación.