A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na que insta á SEPI a convocar Oferta Pública de Emprego no Servizo de Correos a fin de restituir as miles de prazas vacantes por xubilación, falecemento e outras moitas causas.
Ademáis, a deputada do BNG exixe que a Sociedade Estatal de Correos empregue a Bolsa de Contratación de Persoal Eventual a fin de suplir as vacantes. Davila alerta sobre o empioramento das condicións laborais dos traballadores de Correos que está a repercutir na calidade do servizo postal, actualmente moi deteriorado e que non cumpre co estabelecido na Lei Postal.
Correos degradouse moito nos últimos anos
Olaia Fernández Davila pón de manifesto que o servizo postal de Correos foise degradando nos últimos anos de xeito alarmante e non se están a cumprir cos mínimos exixidos pola Lei Postal de 2011, en canto a reparto postal os cinco días da semana. Salienta que a pesar de que no 2013, Correos pechou cun superávit de 45 millóns de euros, os recurtes en contratación e o empioramento das condición laborais, a precariedade e a falla de personal e medios, provocaron grandes retrasos no reparto.
Así, explica, suprimíronse secións de reparto o que sobrecargou ao resto da plantilla. Por se fose pouco, tampouco se cubren as ausencias por vacacións ou baixas. O cal recarga aínda máis aos traballadores que viven auténticas situacións de estrés.
O feito é que os carteiros e carteiras están saturados, non poden chegar en tempo e forma a todos os puntos de reparto que se lles asigna. As entregas non se poden realizar a diario, e a falla de personal fai que se incumpra a lei , sinala Davila.
A deputada do BNG salienta que no estado español elimináronse 15.000 prazas que quedaron vacantes por xubilación ou falecemento sen que fosen restituidas. E en relación a Galiza, a supresión de prazas acadou a cifra de 1.500. A situación é aínda pior nas zonas rurais. Outro das unidades que empioraron é o servizo urxente, que agora é asumido polas unidades de reparto ordinario, provocando que se excedan os prazos de entrega estipulados.
Davila reclama ao Goberno que poña fin ao desmantelamento dos servizos públicos, razón pola que lle empraza a incrementar o personal en Correos e os medios a fin de oferecer un servizo de calidade.