A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou a intervención da Ministra de Emprego na súa comparecencia na Cámara este mediodía, a solicitude do BNG.
Despois de escoitar a intervención de Fátima Báñez na sesión da Comisión de Traballo, Davila acusouna de tratar de agochar ou xustificar o altísimo incremento da precariedade laboral e o altísimo aumento do empobrecemento da poboación.
Para ilustrar as súas afirmacións, a deputada do BNG puxo enriba da mesa unha serie de dados: Aparte de 6 millóns de parados, 5 millóns inscritos no INEM, no ano 2012 rebaixáronse os salarios en máis dun 3,6% de media no Estado, e na Galiza chegou á porcentaxe dun 7,7% menos. Sumámoslle a isto o 2,6% de suba do IPC.
É obsceno que fale das bondades da reforma laboral con tanto paro e reducción salarial
A parlamentar nacionalista amosou á Ministra de Emprego a realidade da reforma laboral porque só trouxo a perda de poder adquisitivo e máis paro. Agora nos ven cunha proposta de emprego para a mocidade que consiste no auto emprego ou emprego autónomo. Reprochou a Fátima Báñez que exhibise a recuperación de 50.000 traballos autónomos cando se perderon 600.000.
Olaia Fernández Davila afirmou sentirse doída ao empatizar cunha poboación cada día máis empobrecida, por iso, recalcou, resulta obsceno escoitala falar das bondades da reforma laboral mentras se reducen grandemente os salarios ao tempo que se incrementan os beneficios das empresas.
Ademáis, puxo de manifesto que algunha das medidas que vosté veu hoxe exhibir aquí, xa están recollidas en varios Reais Decretos e criticou a falla de investimento para desenvolver ditas medidas. Danse conta do que van facer? Non din que fondos van investir e medidas que concretan van a cargo da Seguridade Social. O que vosté dixo hoxe aquí é información fraudulenta.