A deputada do BNG no Congreso explicou no Pleno da Cámara as razóns da emenda á totalidade ao proxecto de lei do Goberno que aumenta as taxas xudiciais. O BNG rexeita frontalmente este proxecto de lei que aumentará de maneira considerábel os custes para acceder á xustiza, incrementará os gastos de avogado e procurador.
Non se garante o dereito á xustiza
A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, criticou que o Goberno baixo o falso pretexto de evitar a saturación dos xulgados, aproveite para establecer un sistema de taxas que vai incrementar de maneira significativa os custes para acceder á xustiza. O único que persigue o Goberno do PP é desincentivar o recurso aos Tribunais por parte de persoas e entidades con menos recursos económicos, o que vai provocar unha merma da tutela xudicial.
Para Davila a saturación da xustiza débese solucionar con máis medios e a súa modernización para impulsar unha xustiza áxil e eficaz. O Estado español adica á xustiza a metade do que se adica de media na UE. Reprocha a deputada do BNG ao Goberno que só lle asiste un afán recaudatorio, sin ter presente que está obstaculizando e dificultando o acceso á xustiza.
É a manifestación dun inxusto descoñecemento do dereito á tutela xudicial efectiva que nos sitúa ante unha perversión inaceitábel do Estado Social e Democrático de Dereito, cada vez máis atacado e cuestionado por este Goberno ,afirma a deputada do BNG.