Davila exixe a Tejerina máis cota de anchoa para a frota galega, case toda en máns da frota andaluza

olaia16S40005A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para pedirlle explicacións ao Ministerio de Agricultura por incumprir o compromiso adquirido no seu día pola Secretaría Xeral do Mar coa frota galega de cerco para cambiar a actual distribución de cota de anchoa na zona IXa, adxudicada nun 98,86% á frota andaluza.

Davila pregunta ao Ministerio por que motivo incumpriu o seu compromiso e “como se explica que a frota andaluza continúe a ter o 98,86% do total da cota de anchoa e a frota galega siga coa irrisoria porcentaxe do 1,14%”.

Lembra a deputada do BNG que a Secretaría Xeral do Mar decidiu otorgar ao Golfo de Cádiz o 98,86% do total da cota, mentras deixaba á frota galega co 1,14%. “Naquel momento o Secretario Xeral do Mar xustificou perante unha moi molesta frota galega que este reparto era unha medida provisional e comprometérase a procurarlles cotas noutras zonas”.

Déixase ao sector galego sen apenas cota de anchoa

Máis, lamenta Davila, “deixouse pasar o tempo e o que se asentou como temporal parece que vai camiño de converterse en estrutural, e a promesa de buscar cotas noutros lugares tampouco se cumpriu”. No pasado ano 2014, o sector demandou ao Ministerio que cumprise o seu compromiso de habilitar cota de anchoa necesaria para a frota galega na zona Ciem IXa pero a solicitude foi denegada por Pesca.

A deputada do BNG dílle ao Ministerio que “o sector galego afectado considera que se vulnerou a súa confianza e sobre todo, os seus dereitos de pesca. Agardaba que Pesca revisase esta distribución para este ano 2015 e cumprise o prometido, pero a Orde Ministerial mantén intacto o mesmo inxusto reparto”.

Olaia Fernández Davila salienta que a frota de Galiza considérase con dereito a demandar ao Ministerio as toneladas extra que precisan para reabrir a pesquería de anchoa entre Fisterra e o Miño, a franxa da zona IXa na que operan, que está pechada desde febreiro por esgotar a cota.

A parlamentar nacionalista subliña o malestar e a contrariedade dos mariñeiros galegos de cerco que incluso están dispostos a recurrir perante a Xustiza. Razón pola que a deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Ministerio: “Que explicación pode dar o Ministerio á súa negativa a cambiar a distribución da cota de anchoa, case toda en máns da frota andaluza? Converteuse en algo fixo pola vía dos feitos?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG