A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle á Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que aumente as cotas de pesca de xurelo e xarda destinadas ao cerco galego de modo que poidan manter a súa actividade con plenas garantías.
A deputada do BNG substenta a súa solicitude nun reparto desequilibrado por parte do Ministerio que foi obxecto de múltiples críticas do sector pesqueiro galego. A distribución de cotas de especies de grande importanza para o cerco como o xurelo, a xarda ou a sardiña, quedouse moi por debaixo das necesidades.
Davila salienta o grande malestar xerado no sector por un reparto das cotas que considera disparatado, e que ameaza a viabilidade e a actividade dun sector que ten un peso relevante no conxunto da pesca do estado. Neste sentido, pón de manifesto unha das críticas pola enorme diferenza practicada entre barcos de xestión individual e barcos de xestión conxunta. Sinala que se penalizou aos barcos de xestión conxunta ao descontárselle 1.554.429 kilos de xurelo por ter pescado máis no pasado ano 2014, cando ao final quedaron case 1.000 toneladas sen pescar.
Considera a deputada do BNG que este feito require dunha explicación por parte do Ministerio. Asemade, explica a deputada nacionalista, o sector non entende que a Secretaría de Pesca alegue sobrepesca cando cumpriu as ordes de Secretaría cos dous peches decretados no 2014: un o 17 de xullo e outro o 1 de novembro, e a Secretaría non notificou máis peches.
Hai marxe para o incremento de cotas
Olaia Fernández Davila traslada á Ministra o cuestionamento do sector das cotas asignadas porque non lles garante a pervivencia nin uns ingresos dignos. Se o Ministerio non modifica esta insuficiente asignación, os cerqueiros veránse obrigados a continuar pesando cando esgoten a súa cota e que o exceso se lles repercuta no 2016.
A parlamentar nacionalista recrimina á Tejerina o reparto de cotas de xurelo para a zona VIIIc (Cantábrico Noroeste) e tamén a da zona IXa (desde Fisterra a Cádiz). Tilda de incomprensíbel o método de cálculo empregado polo Ministerio entre buques de xestión individual e os de xestión conxunta. Afirma que é evidente o aumento de cotas para barcos de xestión individual e considera que se fixo un reparto desequilibrado, desigual.
Razóns pola que a deputada do BNG dirixe a Tejerina unha batería de preguntas: Por qué razón decidiu o Ministerio otorgar más cota de pesca aos buques de xestión individual? Por qué non se realizou unha distribución máis equilibrada entre barcos de xestión conxunta e os de xestión individual?.
A deputada nacionalista pide á Ministra que dea marcha atrás e faga un reparto máis equitativo. Non cre que hai marxe, sobre todo para cun sector que nos últimos dous anos sufriu severos recurtes nas capacidades de pesca?.