A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse ao Secretario Xeral de Pesca na Comisión de Agricultura para demandarlle que o Goberno exerza presión nas negociacións pesqueiras na UE como se fixo co aceite ou coas laranxas.
Davila reclamou un cambio no reparto das costas pesqueiras na UE xa que non podemos entender que haxa Estados na UE que non chegan a gastar as cotas pesqueiras asignadas, mentras que Estados como o español precisan de máis cota. A deputada do BNG denunciou que se dan situacións dantescas como que os mariñeiros galegos teñan que tirar xarda debido ás restricións de cota da UE e non debido aos problemas de stock.
A pesca é fundamental na Galiza
A parlamentar nacionalista puxo de manifesto que zonas altamente dependentes da pesca como Galiza non están suficientemente defendidas e protexidas por parte do Goberno español. Neste sentido, aludiu ás noticias negativas en relación á distribución das cotas, noticias que anuncian novos recortes de cotas en caladoiros que bioloxicamente están recuperados.
Davila demandou ao Secretario Xeral de Pesca presión na UE para que se revise o principio de Estabilidade Relativa no reparto das cotas, e para defender a pesca na UE como se fixo co aceite ou coas laranxas. Así, puxo de manifesto que a pesca na UE ten un peso moi pequeno, pero no Estado español, en concreto Galiza, representa o 80%. Polo tanto, non é algo anecdótico, senón un sector do que dependen miles de postos de traballo.
Tamén puxo enriba da mesa o problema da falla de Acordos pesqueiros da UE con terceiros paises como Guinea Bissau ou Gabón, entre outros. No caso de Guinea, o Acordo pesqueiro está paralizado temporalmente, o que afecta a numerosos cefalopodeiros. Por iso, recalcou, débense manter os fondos da UE por paros biolóxicos ou temporais, non se poden eliminar as axudas aos tripulantes afectados pola suspensión de acordos pesqueiros.
Así, dirixiu ao Secretario Xeral de Pesca unha serie de preguntas sobre estes aspeitos. Por último, demandou ao Goberno unha posición claro sobre a cuestión da pesca artesanal porque non acabamos de entender cal é a súa posición. Pediu un trato diferenciado para este tipo de pesca de xeito que non entre na distribución das cotas.