Davila defendeu no Pleno a anulación das sancións a emigrantes retornados con pensións estranxeiras

OLAIA DE PÉ

OLAIA DE PERFILA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu no Pleno da Cámara a anulación dos expedientes sancionadores de Facenda a miles de emigrantes retornados con pensións estranxeiras, e a devolución das cantidades aos que xa pagaron.

Algúns estafados polo banca nas preferentes e agora por Facenda

Davila puxo de manifesto a gravedade do problema na Galiza “porque estamos a falar dun sector sensíbel e vulnerábel como son os pensionistas. Uns pensionistas que viviron durante moitos anos lonxe das súas casas, vivindo en pésimas condicións, e que nos anos 60-70 fixeron posíbel que entraran divisas no estado español”. Ademáis, recalcou, que a inxustiza en moitos casos é doble porque algúns están tamen afectados polas preferentes.

“Primeiro foron estafados pola banca e despois Facenda os trata como defraudadores fiscais”, enfatizou. Demandou a anulación dos expedientes sancionadores así como a devolución das cantidades aos que xa pagaron. A deputada do BNG acusou ao PP de darlles tratamento de defraudadores cando “non o son. Non podemos entender que Facenda os considere defraudadores porque está demostrado que non foron debidamente informados”.

Davila explicou na Cámara as diversas ocasións nas que falou con afectados, e “mesmo esta mañá con concentrados diante do Ministerio de Facenda, ratificábanme o descoñecemento que tiñan. Non declararon porque nos consulados cando se xubilaron e voltaban á terra, dicíanlles que non tiña que declarar as pensións estranxeiras. Cando ían ás xestorías lles dicían o mesmo. En conclusión, recibiron unha información incorrecta, incluso da propia Administración do Estado como os consulados”.

Ademáis, recalcou, “non pode haber intención de fraude porque non se ían pór dacordo miles e miles no estado”. E reiterou a necesidade de anular as sancións e os intereses de mora porque non houbo fraude.

Demandou finalmente un acordo global, “porque é difícil entender que se poida arranxar con uns e non con outros porque todos foron vítimas da mesma mala información”. “Persigan aos auténticos defraudadores non a pensionistas que foron mal informados e por descoñecemento non tributaron as pensións estranxeiras, non persiga a pensionistas que contribuiron á mellora da situación dun estado en momentos de extrema probeza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG