A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe no Pleno da Cámara o mantemento do voto rogado e do voto en urna nos Consulados para os emigrantes, coas mesmas garantías que se exixen ao voto por correo aos residentes no estado español.
O Pleno do Congreso debatía esta tarde a toma en consideración da Proposición de Lei do parlamento galego, de modificación da lei orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Eleitoral Xeral, para posibilitar a homoxeneización do procedemento de voto das persoas residentes no exterior co resto dos cidadáns.
Ante as intervencións que cuestionaron o voto rogado e as garantías no voto exterior, a deputada do BNG puxo de manifesto dados como peso do voto emigrante no conxunto do estado, que é do 4,75%, mentras que o seu peso na Galiza é do 15,6%. Unha diferenza moi importante que explica por si mesma por que o BNG presentou sempre tantas iniciativas para que fose un voto con garantías e para evitar a fraude.
Lembrou Davila que estas proposición de lei xa foi aprobada no Parlamento galego no ano 2008 por unanimidade, máis, no ano 2011 modificouse a Lei Eleitoral que incorporou maiores garantías para o voto emigrante. Polo tanto, esta proposición de lei xa está superada pola lei de 2011.
A deputada do BNG afirmou que o voto da emigración debe contar coas mesmas garantías que se exixen para o voto por correo para os residentes no estado. Davila manifestou a desconfianza do BNG co feito de que se aproveite a tramitación desta proposición de lei para voltar atrás, en referencia á intención expresada por moitos grupos de anular o voto rogado.
Explicou aos presentes no pleno o vivido na Galiza con sacas de votos de persoas que xa morreran hai anos, e centos de votos que viñan do mesmo domicilio, unha fraude que só se podía rematar coa exixencia de requisitos. Nese sentido, enfatizou as instrucións da Xunta Eleitoral Central na mesma liña, ou a lexislación de países europeos do entorno que é garantista.
Regulamentariamente se poden mellorar cuestións da lei pero sempre baixo a premisa do voto en urna e que o voto do exterior teña que cumprir coas mesmas exixencias exixidas aos habitantes do estado, afirmou.