A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixiuse hoxe ao Presidente da denominada Comisión de Expertos do Informe do Factor de Sostenibilidade do Sistema Público de Pensións, Víctor Pérez Díaz, para criticar que dos anos e medio despois da reforma anterior das pensións se volte a analisar o factor de sostenibilidade do sistema de pensións.
A portavoz do BNG no Congreso puxo de manifesto que en 2011 aprobouse unha lei de reforma das pensións xustificada na necesidade da sostenibilidade do sistema. Lembrou que antes da aprobación da lei houbo moito traballo nesta Comisión de Pacto de Toledo, con comparecencias de expertos, e ao final, o propio Secretario de Estado de Seguridade Social actual recoñeceu que algúns dados sobre a esperanza de vida estaban errados nun 10%.
Dous anos e medio após de se aprobar a reforma das pensións, outra vez se constitúe unha Comisión de Expertos para analisar a sostenibilidade do sistema. De verdade considera que é necesario que cada dous anos se conforme unha Comisión de Expertos para estudar a sostenibilidade do sistema de pensións?, preguntoulle Davila.
Ademáis, a portavoz nacionalista reprochoulle que fale de equidade interxeneracional, de verdade considera que é equitativo que se vaian moderar as pensións en base a esperanza de vida? É equitativo que a unha persoa que vaia vivir 73 anos se lle apliquen os mesmos criterios que a unha persoa que pode vivir 90 anos?.
Dada a aplicación estricta por parte do Presidente da Mesa da Comisión de Seguimento do Pacto de Toledo de tempos curtos e moi medidos en cinco minutos, a deputada do BNG non puido salientar a posición dos nacionalistas galegos absolutamente contraria a unha nova reforma das pensións, a novos recortes no sistema público de pensións que só teñen por obxectivo a promoción dos plans privados de pensións para favorecer á banca. A demanda do BNG é que se revaloricen as pensións conforme ao encarecemento cada vez maior da vida.