A portavoz de Traballo do BNG, Montse Prado pide responsabilidade política ao Goberno contra o drama de miles de galegos e galegas desempregad@s.
Ante a publicación dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre do ano, a portavoz de Traballo do BNG, Montse Prado afirma que o incremento do desemprego en 10.000 persoas máis en Galiza constata o rotundo fracaso das políticas laborais aplicadas pola Xunta.
A parlamentaria nacionalista pide responsabilidade política ao Goberno galego para defender os intereses do noso país rexeitando a invasión de competencias.
Existe unha emerxencia nacional en Galiza que se agrava día a día como reflicten os datos do desemprego e a grave crise económica, asegura, afecta a sectores produtivos estratéxicos para o desenvolvemento galego, o pequeno comercio, o naval, o sector lácteo ou o pesqueiro viven o peor momento da súa historia.
A parlamentaria do BNG reproba as políticas do Goberno do Estado e da Xunta porque deixan en Galiza un millóns de desocupados, taxas de desemprego alarmantes e as pensión máis baixas do Estado.
Prado salienta que os colectivos de mozos e mozas, mulleres e desempregados de longa duración, seguen a ser os grandes prexudicados dunha política económica liberal que apoia á banca e esmaga á cidadanía.
A portavoz de traballo do BNG denuncia que a escusa do déficit levamos a un modelo de sociedade inxusto que non serve, que debe ser cambiado porque abonda na precariedade e provoca moito sufrimento.
Neste sentido, afirma que 93.000 fogares galegos manteñen a todos os seus membros no desemprego e moitas familias xa non perciben ningunha prestación, xa non valen os parches, as medias tintas nin as mentiras, manifestou, hai que mudar o fondo da política profundamente.
Prado quer resaltar que as estatísticas e os datos da EPA ademais de cifras tamén son historias de persoas e dramas familiares que só é posible resolver con outras políticas e reclama do Goberno galego e dos seus conselleiros Beatriz Mato e Francisco Conde, responsabilidade ante esta situación
O BNG pide un 25 de Abril Galego contra as políticas do Partido popular
Pola súa parte, a deputada do BNG, Ana Pontón, en resposta a preguntas dos xornalistas tras unha rolda de prensa en sede parlamentar, afirmou que Galiza precisa dun 25 de Abril para rematar con políticas do Partido popular, a Troita e a U.E porque nos conducen ao desastre social.
En Galiza rexístranse cifras inéditas que poñen de manifesto o medre do desemprego a respecto da media estatal dixo, e denunciou a maquillaxe dos datos que non recollen os de miles de persoas que xa abandonaron Galiza, con esas cifras rozariamos, dixo, as 300.000 persoas desempregadas.
Pontón recriminou que o Goberno Feijóo non aborde o desemprego como primeira prioridade da súa xestión o que , ao seu xuízo, constata o fracaso dun modelo que só se preocupa por salvar á banca e afogar a miles de persoas e pobos.
A deputada lembrou que hoxe, o BNG tamén está presente nas manifestación e reivindicacións de Portugal e reiterou que o que precisa Galiza é o seu particular 25 de abril para rematar coas políticas inxustas que deixan na cuneta a milleiros de persoas.