O deputado salientou que o descenso de 44 millóns de euros na consellería de Pesca e Medio Rural sitúa aos sectores pesqueiro e agrogandeiro ao borde da ruína
Pleno. O parlamentario do BNG, Daniel Rodas criticou hoxe, no último tramo do debate de orzamentos que se está a celebrar no Parlamento galego, que a diminución de partidas orzamentarias para a pesca e o medio rural sitúan aos sectores ao borde da ruína e non dan resposta as demandas dos sectores produtivos galegos.
Na súa intervención, o nacionalista afirmou que os orzamentos da consellería que dirixe Rosa Quintana, non apostan pola pesca, sométense aos lobbys industriais e toleran as importacións sen control.
As partidas para competitividade e mellora da calidade pesqueira diminúen mentres que os orzamentos para o desmatelamento da flota e acuicultura seguen manténdose, o BNG, explicou Rodas, propón as súas emendas no camiño de crear máis postos de traballo, recuperar os bancos marisqueiros e conseguir mellores rendas.
Neste sentido, apostou por actuación urxentes nas rías de Ferrol e o Burgo, Arousa e a de Vigo ante a mortaldade do berberecho e ameixa rubia, o BNG, dixo, en troques de investir en acuicultura ficticia propón mellorar a situación das persoas que se dedican ao marisqueo.
O nacionalista tamén propuxo cambiar o modelo da Cidade da Cultura e destinar o seu investimento a executar os compromisos formulados polo Partido popular, queremos que se recupere o Servizo de Gardacostas como servizo público recuperando os medios que regalaron, modificar o modelo de xestión para que o Salvamento Marítimo sexa gratuíto, en resumen dixo, que se cumpran as demandas do sector pesqueiro sen propaganda e clientelismo con investimentos reais para dignificar a actividade produtiva do mar.
Outro modelo para o agro e a política forestal
O parlamentario do BNG tamén defendeu diversas emendas neste sector co fin de mudar un modelo de xestión encamiñado á privatización dos servizos públicos en materia de incendios e extinción, vostedes, dixo, consolidan o modelo do monocultivo e manteñen a extinción como única solución aos incendios.
Dende o BNG, propoñemos destinar 7,5 millóns de euros para axudas á ordenación e aproveitamento do monte e catro millóns e medio para a súa valorización.
Por outro lado, Rodas criticou o vello modelo de Manuel Fraga para implantar as brigadas de pantuflas,ao seu xuízo, cuadrillas carentes de profesionalidade e abocados a desenvolver unha actividade inútil cando é precisa unha alta cualificación profesional.
O deputado concluíu a súa intervención afirmando que o PP é un auténtico temerario e carece de escrúpulos por colocar a persoal ante o lume con medios anticuados e precarios. O BNG elimina esta política clientelar nas súas emendas e avoga polos labores preventivos contra o lume e melloras no medio Rural.
Finalmente, o nacionalista lamentou o voto desfavorábel do grupo popular a todas as alternativas presentadas polo BNG.