A crise económica provoca que as mulleres vítimas de violencia denuncian menos

Carme Adán alerta sobre esta situación e demanda maior compromiso da Administración

A portavoz de Política de Igualdade do BNG, Carme Adán afirmou hoxe en sede parlamentar que o número de mulleres que acceden aos recursos nos casos de violencia de xénero “redúcese alarmantemente” por mor da crise económica.

A través dunha pregunta parlamentaria en comisión, a nacionalista explicou que dende o comezo da crise económica o número de mulleres que presentan denuncias por violencia de xénero “ descendeu” de maneira preocupante, descenso que o Goberno galego sitúa nun 8,3 por cento en Galiza.

Neste sentido, engadiu que os datos do primeiro semestre do ano 2013 comparados co primeiro semestre do 2012 reflicten un descenso do 25% de novos expedientes e un 20% en ordes de protección así como unha redución do acceso ao salario da liberdade nun 45 por cento.

Para a deputada do BNG, estes datos merecen unha reflexión e “actuación inmediata” e ter en conta os informes de organismos internacionais que confirman que nos períodos de crise económica, “as mulleres que sofren violencia de xénero teñen grandes dificultades para acceder aos recursos que as obriga a manter a convivencia co seu agresor”.

Finalmente, a nacionalista instou á Xunta a axilizar o trámite do salario da liberdade para garantilo en trinta días e reclamou “non rebaixar a categoría de vítima de violencia de xénero” das mulleres baixo condición de ter sido hospitalizadas máis de 24 horas.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG