Cosme Pombo: “Se os graos perden un ano, perderáse empregabilidade"

O deputado nacionalista asegurou que en Galiza só estuda mestrado o 8,5% de universitarios/as , situación que se agravará coa nova reforma

Ana Pontón e Cosme Pombo na Comisión de Educación

Desmantelamos a Universidade pública para que a privada gane alumnos e beneficios económicos, dixo o parlamentario do BNG, Cosme Pombo na defensa da Proposición non de lei, debatida hoxe a última hora da tarde na comisión de Educación.

A iniciativa nacionalista, rexeitada polo Partido popular, instaba a Xunta de Galiza a reclamar ante o Ministerio de Educación “non levar a efecto a reforma dos grados universitarios, retroceder na idea de reducir os graos universitarios a tres anos máis dous de mestrado e non proceder a ningunha reforma do sistema universitario que non conte co amplo consenso das forzas políticas e sociais”.

O portavoz de educación do BNG, manifestou que “se os grados perden un ano, perderase empregabilidade” porque moitos alumnos e alumnas non poderán acceder aos “costosos mestrados”.

Na súa intervención o deputado afirmou que a reforma do actual modelo universitario representa “un duro golpe” á educación pública universal con máis recortes de profesorado, perda de alumnado e diminución de financiamento.

O BNG, dixo, considera “moi negativo” para o Sistema Universitario Galego a decisión do Ministro Wert sobre todo para alumnos e alumnas con menos recursos. A maioría da comunidade universitaria, forzas políticas e sociais, así como para as organizacións sindicais do ensino,abondou, tamén se opoñen ás “pretensións do Ministro” de converter ás universidades en empresas de servizos educativos.

Ana Pontón e Cosme Pombo

A falta de estabilidade na regulación das ensinanzas universitarias, explicou, “non favorece a educación de calidade no sistema universitario”. O deputado tamén lembrou que proximamente estudantes e profesorado participarán na folga contra a reforma universitaria e lamentou que, unha vez máis, o Partido popular “non escoite as miles de voces que se opoñen a esta nova regulación”.

O negocio, dixo, non está no ensino, “está nos mestrados” e as universidades privadas xa están preparadas para acoller a elite que poderá acceder a eles.

Tras a intervención da portavoz do PP, Soledad Piñeiro que defendeu a reforma universitaria, o deputado do BNG asegurou que os países europeos invisten en I+D+i, “mesmo en tempo de crise” pero o modelo de Wert é “a Universidade para que poida pagala”. Debemos recuperar o profesorado e o alumnado obrigado a abandonar a universidade, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG