A consellería de Sanidade prioriza criterios económicos á hora de pechar camas no verán

Ana Luísa Bouza pediu que Sanidade rectifique e defenda os intereses dos e das doentes galegos/as ante o Consello Interterritorial

A deputada do BNG, Ana Luísa Bouza formulou hoxe unha pregunta á Consellería de Sanidade sobre a redución de camas hospitalarias anunciada para os meses do verán, medida na que considerou “priman os criterios economicistas fronte aos de saúde”.

Bouza afirmou que o peche de camas en período estival , podería ser considerado “normal” de non existir listas de espera pero a realidade, dixo é, que no mes de marzo 39.614 persoas agardaban por unha intervención cirúrxica, das que 2.355 levaban máis de 6 meses agardando e 878 máis dun ano.

As listas de espera contradin os topes de tempo marcados polo Decreto do PP

Ante a próxima reunión do Consello Interterritorial, á que asistirá a Conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, a nacionalista pediu que “defenda os intereses dos e das doentes galegos/as” aínda que iso supoña, “ir en contra do seu partido”.

Outra oportunidade perdida

Na súa  intervención, Bouza considerou que un ano máis “o Goberno perde a oportunidade” de cambiar a situación das listas de espera ao pechar 787 camas nos hospitais galegos durante o verán que poderían atender as persoas que levan tempo agardando por unha intervención.

Ana Luisa Bouza amosa o seu apoio á Plataforma SOS Sanidade Pública tralo veto do PP a debatir a súa ILP, reclamada por milleiros de cidadáns

Neste sentido, asegurou que para as e os doentes “non se para o tempo” e a súa saúde deteriorase aínda máis a pesar de existir un Decreto de tempos máximos de atención que “o propio goberno  non están a cumprir” porque, reiterou, “só está interesado na cuestión económica”.

Sanidade mantén a medida

Trala intervención da nacionalista, a conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera respondeu que esta medida forma parte dunha “reorganización dos servizos de saúde e non afecta ás listas de espera”.

Bouza retrucou que rebaixar o número de doentes nas listas de espera debería ser “unha prioridade” e que máis camas pechadas representan menos intervencións programadas.

A deputada reclamou “un compromiso” de Sanidade para non  reducir medios nin pechar camas no verán porque ao seu xuízo, se o problema é o calendario de vacacións do persoal sanitario,  “amosen vostedes máis vontade política e contraten  máis persoal”, recursos teñen, só é necesario que os reorganicen, concluíu.

Apoio do BNG a ILP en Defensa da Sanidade Pública

Por outra parte, a deputada do BNG tamén denunciou, ante os medios de comunicación, a negativa do Partido popular de incluír na orde do día do pleno dúas Iniciativas Lexislativas populares, unha  sobre a eliminación do Programa Preescolar e outra en Defensa da Sanidade Pública.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG