O conselleiro de Industria "minte" sobre os avances contra a crise no Sector naval

Carme Adán interpela ao Conselleiro de Industria e nega que o Goberno defenda o dique flotante

A nacionalista acusou a Francisco Conde de “mentir” sobre os avances contra a crise no Sector Naval

A portavoz de Industria do BNG interpelou hoxe ao Goberno galego sobre as medidas previstas pola Xunta para combater a crise do sector naval galego.

Na súa intervención, Adán negou os anuncios da Xunta sobre a carga de traballo nos estaleiros galegos prevista para “antes do verán” e o compromiso co dique flotante na ría de Ferrol tamén prevista para antes do verán do 2012.

Neste sentido, dixo que o conselleiro de Industria non ten autoridade para “consolidar nada” porque na realidade o único que hai “son gradas baleiras, nada dos floteis, nin chapa, nin materias”, o único que se sabe con seguridade “son os meses de retraso”.

Os traballadores de Navantia temen estar ante a última reconversión e o peche definitivo, “esa é a sensación que teñen e dende onte moito máis” aseverou a deputada.

O PP goberna a golpe de titulares e foto

Carme Adán retou ao titular de Industria a “cumprir as promesas da Xunta” e abandonar un modelo de Goberno a golpe de titulares, “Núñez Feijoo onte buscaba a foto” pero a realidade do Sector Naval é que vostedes non desbloquearon o tax lease nin o veto contra Astano e non teñen escrúpulo algún para “traficar cos sentimentos e a esperanza da xente que confiaba nas súas promesas”.

O Partido popular segue xogando “ao engano” e a demostración máis palpable é que onte mesmo, os deputados e deputadas populares no Congreso “non quixeron votar a favor da construción do dique flotantes”.

A parlamentaria tamén se referiu a emenda transaccionada entre PP e PSdG no debate dos orzamentos para destinar 5 millóns de euros , agardamos, dixo, “que sirva para algo” xa que rexeitaron a nosa petición de incrementar esa contía en 25 millóns de euros e non poñan a Unión Europea como desculpa para “eliminar o sector naval galego”.

Adán concluíu a súa intervención lembrando a Evo Morales e unha conversa na que o líder boliviano lle transmitiu que “o peor de gobernar é defraudar aos teus”, o PP, dixo, tamén defraudou a moitos galegos e galegas coa súa actuación a respecto da crise do sector naval.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG