O incremento do canon que os concellos pagan a SOGAMA, decidido de maneira unilateral pola Xunta de Galiza, vai supoñer unha suba do 34 % na cantidade que se ten que abonar á sociedade pública. Esta proposta de incremento desmesurado dos custos de tratamento do lixo por parte de SOGAMA vén confirmar as denuncias feitas con anterioridade polo BNG sobre o fracaso do proxecto SOGAMA e o Plano de Residuos Sólidos Urbanos implantado polo PP na Xunta de Galiza. Os feitos acontecidos desde a aplicación dese plano demostra seren falsas as afirmacións -do Goberno galego e de SOGAMA- de que se trataba da opción máis respectuosa desde o punto de vista ambiental e con máis vantaxes económicas. Desde o punto de vista ambiental, SOGAMA insiste na incineración dos residuos sólidos urbanos co fin da súa valorización enerxética, sen ter en conta outros principios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a redución, a reutilización directa e a reciclaxe de residuos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento. A transformación de modelo de xestión dos RSU noutros que priorizan a reciclaxe e compostaxe podería supor uns 2.000 novos postos de traballo con base en proxectos de comarcalización, cun menor custo ambiental e redución do custo de transporte
Esta nova medida tan gravosa para as economías, tanto da cidadanía como dos propios concellos -xa moi minguadas pola xeira de recortes que os gobernos do PP están a aplicar-, vén de provocar unha resposta conxunta de moitos concellos galegos. Para alén da denuncia do incremento do canon, cómpre aproveitarmos esta ocasión para continuar a lle trasladar á sociedade galega a nosa oposición ao modelo SOGAMA e exixir do PP unha modificación radical das súas políticas antiambientais, a comezar por eliminar a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos para rematar no apoio de alternativas comarcais baseadas na reciclaxe e compostaxe.
Nunha xuntanza mantida o pasado luns 18 de novembro, as persoas representantes da maioría dos concellos do país, decidiron unha serie de medidas para tentar que a Xunta dea marcha atrás nesta decisión. O primeiro que acordaron foi pedir a dimisión do presidente de Sogama, logo das duras declaracións deste contra os concellos galegos.
Decidiuse tamén na reunión dirixirse á FEGAMP para solicitar a través dela unha reunión co presidente da Xunta de Galiza antes de que remate este mes, para procurar unha saída dialogada ao conflito. Tamén se aprobou realizar un peche en San Caetano se Feijóo non quere reunirse ou se non ofrece unha alternativa a esta situación. De non se produciren repostas nos prazos previstos, os concellos decidiron deixar de pagar o canon de SOGAMA a partir do 1 de xaneiro.