A deputada BNG, Carme Adán preguntou ao director xeral de Industria, Bernardo Tahoces que previsións manexa a Xunta para un sector que leva perdido máis de 1.300 postos de traballo
A portavoz de Industria do BNG, Carme Adán preguntou hoxe, en comisión parlamentaria, polas medidas da Xunta para decidir o futuro do sector eólico en Galiza ante a parálise do sector provocada polo Partido popular.
Para a nacionalista, a actividade industrial en Galiza vive o peor momento da súa historia en dous grandes sectores estratéxicos aos que o Presidente da Xunta, só ofrece compromisos incumpridos e mentiras, día si e día tamén.
Adán criticou que o máis grande plan industrial de Galiza, segundo publicidade da Xunta, crearía 13.000 postos de traballo directos e inducidos e 6.000 millóns de euros de investimentos, páxina oficial do Goberno galego do 12 de abril do 2011, como manifestou en sede parlamentar o anterior conselleiro de Industria Javier Guerra, polo que sería invalidado o concurso eólico do Goberno bipartito.
Invalidar o concurso eólico do Bipartito, unha decisión caprichosa e revanchista
A parlamentaria cualificou a decisión de paralizar o anterior concurso eólico de caprichosa e sectaria por provir dun goberno diferente e explicou que a situación real do mencionado gran Plan de Industrialización de Galiza resultou un novo fracaso do Partido popular que conduciu ao sector eólico ao borde do abismo.
Adán engadiu que as empresas máis significativas do sector: Metalúrxica do Atlántico, Barlovento, LM nas Pontes e Ordes, Eimosa en Narón e a redución de Gamesa nas Somozas víronse abocadas ao cerre por mor da decisión de Núñez Feijóo de tumbar o concurso eólico do Goberno bipartito.
A deputada lembrou que o Partido popular á súa chegada ao Goberno de Madrid, cargou contra as enerxías renovables e acabou co sector eólico a través do Decreto Real 1/2012 polo que foron suprimidos os incentivos económicos e novas instalacións de enerxía renovable e pechado o rexistro de preasignación, Galiza tiña rexistrados 50 MW fronte ás 2.300 previstos.
O PP non recorrerá o Decreto que impide decidir sobre o vento en Galiza
Agora estamos ante outra realidade, dixo, o Real Decreto 2/2013e preguntou se o Goberno galego ten previsto emprender accións sobre un documento de medidas urxentes do sistema eléctrico e sector financeiro que prexudica o desenvolvemento do noso sector eólico. Tomara o Goberno galego, preguntou, algunha medida para demandar a capacidade de decidir e deseñar a enerxía eólica en Galiza e contra á perda de postos de traballo?.
Neste sentido, abondou na pregunta de se o Goberno galego pensa recorrer o decreto e modificar o que cualificou de canon inxusto para os pequenos produtores.
O decreto impide novas adxudicacións e penaliza ás enerxías renovables co déficit tarifario, pero non o fai o mesmo coas nucleares, criticou a nacionalista.
Adán tamén requiriu respostas sobre a deslocalización da empresa ASTRON e as accións concretas previstas polo Goberno galego ante a parálise do sector eólico.
Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces xustificou a decisión do Partido Popular de invalidar o concurso eólico do bipartito e as accións desenvolvidas polos gobernos de Galiza e Madrid sobre o sector eólico galego ao que a deputada respondeu que a xestión de Núñez Feijóo neste ámbito é o seu grande fracaso, xunto co naval e todo o tecido industrial galego.