Conmocionadas asistimos a un novo crime machista máis, desta volta no concello de Arbo onde foron asasinados este venres Beatriz Rodríguez Mariño e o seu compañeiro Sergio Rodríguez Fernández. Aínda que se decretou o segredo de sumario, os indicios e a investigación policial apuntan a que o autor do homicidio foi a ex parella dela.
O suceso de Arbo non é un caso illado, senón que se suma á longa cadea de vítimas da violencia machista que se rexistran ano tras ano no conxunto do Estado e en Galiza. A pregunta que xorde entón é canto temos que agardar e cantas máis mulleres teñen que ser asasinadas para que os poderes públicos tomen cartas no asunto e a violencia machista se estableza en toda axenda política como unha prioridade. De se confirmar a hipótese que se baralla, serán dúas as mulleres asasinadas pola violencia machista en Galiza.
Seguindo os datos do Ministerio, que silencia por omisión moitos dos casos, son 18 as mulleres asasinadas por violencia machista na primeira metade do 2015 no Estado. Vivimos tempos nos que a violencia machista se naturaliza e nos que tantos crimes quedan sen resposta. Esiximos dunha vez medidas e protección, sensibilización e concienciación social para rematar co feminicidio. Nin unha vítima máis. Saímos as rúas para secundar as concentracións como mostra de rexeitamento e denuncia e o seguiremos facendo ata que cese esta lacra da violencia machista.