A deputada do BNG, Ana Luísa Bouza interpelou hoxe á consellería de Sanidade, Rocio Mosquera sobre o Real Decreto de medidas urxentes para garantir a sostenibilidade do Servizo Sanitario e a súa prestación.
Trala intervención da conselleira, a nacionalista respondeu que o decreto non define a totalidade dos recortes e reprochou a titular de sanidade de negar o contido do mesmo, a pesar de establecer copagos en elementos vitais para a calidade de vida, reducir o transporte sanitario e obrigar aos pensionistas a adiantar o total do copago durante seis meses.
Sanidade baixo criterio economicista
Na súa intervención, a parlamentar do BNG asegurou que os problemas actuais da sanidade non serán resoltos a golpe de decreto e que as novas medidas producirán unha catástrofe.
O contido do Decreto sanitario xera alarma social no colectivo de doentes
Neste sentido, Bouza aludiu ao o Foro español de Pacientes que xa alertou da inconveniencia dun decreto baseado nos custes fronte os resultados e consecuencias de saúde.
A deputada asegurou que o contido do decreto sanitario xera alarma social no colectivo de doentes por deixar a porta aberta a excluír a pacientes do sistema sanitario por criterios económicos.
Profesionais sanitarios contra o decreto
Bouza lembrou que os profesionais tamén se pronunciaron afirmando que cumprir o decreto do Ministerio de Sanidade vai contra a ética profesional e resulta unha reforma trala que haberá un antes e un despois para o sistema de saúde porque persegue a desaparición das catro cualidades que o caracterizan, a universalidade, a equidade, a gratuidade e a calidade.
Baixo o pretexto da crise, o Goberno pretende desmontar a sanidade pública
Bouza asegurou que baixo o pretexto da crise, o Goberno pretende desmontar a sanidade pública, si hai que escoller entre rescatar a sanidade e rescatar Bankia, dixo, nós queremos rescatar a sanidade.
A parlamentaria concluíu a súa intervención criticando os novos recortes previstos no decreto por afectar especialmente aos usuarios do transporte sanitario, ás prestacións ortoprotésicas e o copago farmacéutico para pensionistas que deberán aboar o 10% dos medicamentos que se sigan financiando e o 100% dos que non se financien.