O portavoz nacional do BNG amosou a disposición desta formación política a unir forzas con todos os que coincidan neste principio irrenunciábel para o nacionalismo
O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou en Rianxo que esta formación política adicará todo o seu esforzo neste curso político a espallar a defensa do dereito a decidir e en levantar un bloque social co que combater a actual política noxenta da dereita, para conseguir o cambio de rumbo que precisa a nosa amada nación.
Estamos dispostos a unir forzas -engadiu- con todos os que máis aló das diferencias coincidan na defensa deste principio irrenunciábel para os nacionalismo.
Guillerme Vázquez, durante a súa intervención no tradicional acto de homenaxe a Castelao co que o BNG dá comezo ao inicio de curso político, explicou que tal e como sostiña o fundador do Partido Galeguista a soberanía, rachar coa dependencia é fulcral para Galiza.
O voceiro nacionalista asegurou que sen soberanía non hai democracia nin solución para os principais problemas deste País, pois a soberanía é precisa para decidir sobre o futuro do leite, para ter unha tarifa eléctrica propia, para garantir a normalización do idioma, para que ninguén de fóra diga onde e canto se pode pescar, para ter un sistema financeiro propio e, en definitiva, para desenvolver as enormes potencialidade que ten este País.
Emerxencia nacional
Guillerme Vázquez reiterou que Galiza está en emerxencia nacional e non porque o BNG teña especial interese en esaxerar ou en ser apocalíptico, aclarou, senón porque esta é a dura realidade e advertiu que a mesma xa non a poden agachar nin as terminais mediáticas de Feijóo nin as chamadas deste a acordos imposíbeis por moito que se envolva de Rosalía no discurso de fin de ano.
Para o portavoz do BNG non é posíbel nin acordo, nin comprensión nin silenzo por parte da formación nacionalista ante unha política salvaxemente agresiva con Galiza, cuxas consecuencias se poden ver, por exemplo, nos galopantes dados do paro que se acaban de coñecer, nos despedimentos de traballadores de Nova Galicia Banco ou nos milleiros de estafados pola fraude das preferentes que seguen sen unha solución para recuperar os seus aforros.
Estamos en guerra, non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós. Hai que desfacerse da triple dogal do Estado, da Unión Europea e de Feijóo e a súa estúpida austeridade
Hai que ter cabeza de mosquito e o corazón de pedra -dixo- para teimar en seguir aplicando as mesmas políticas inxustas para a maioría, para gobernar contra o pobo, que é o que fan Feijóo e o PP, gobernar contra o pobo.
Rebelión e insumisión
Guillerme Vázquez volveu facer un chamamento á rebelión e á insumisión como única forma de poder desfacerse da triple dogal do Estado, a Unión Europea e o PP a través da estúpida austeridade de Feijóo que está a asfixiar este País.
Estamos en guerra, non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós, de momento van gañando eles. Non hai camiño doado pero hai camiño; a conquista dos dereitos tampouco é doada pero malia que hoxe chovan pedras é posíbel, hai alternativas para ese cambio radical tan necesario que conduza a unha Galiza laica e republicana, con xustiza social e orgullo de seu, a Galiza soberana á que non renunciou Castelao.