O BNG vota no Congreso en contra da proposición de lei do PP sobre a Lei de Costas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, interviu no Pleno para expresar o voto en contra do BNG á admisión a trámite da proposición de lei do Parlamento de Galiza, aprobada só cos votos a favor do PP, sobre a modificación da Lei de Costas.

Chega tarde

A deputada do BNG criticou a proposición de lei do PP porque "chega tarde cando a lei de Costas xa está en tramitación" e abre a porta “á posibilidade real de que industrias altamente contaminantes como a de Ence en Pontevedra continúen na Ría pontevedresa 75 anos máis”.

O BNG votou no seu día en contra da proposición de lei do PP no Parlamento galego, e hoxe voltou a votar en contra da admisión a trámite desta proposta para cambiar a Lei de Costas porque "aínda estando dacordo cos artigos 2 e cuarto, non podemos compartir o que dí no 1 porque estabelece a posibilidade de privatización da costa, o recoñecemento dos dereitos das empresas e particulares en detrimento do medio amviente".

Ademáis, Davila reprochou ao PP que “veñan cunha proposta que chega tarde porque xa teñen case tramitada a Lei de Costas”. Nese sentido, é preciso subliñar que precisamente este xoves volta do Senado a modificación da Lei de Costas do Goberno, que pasará o seu último trámite no Pleno de pasado mañá.

Davila afirmou que “esta proposición de lei chega tarde porque vostés xa resolveron na Lei de Costas conforme aos seus intereses. Recoñecen na lei estatal parte da cuestión relativa aos núcleos rurais, pero negan que sexa a propia Xunta a que poida regularizalos. Será o Ministerio de Medio Ambiente quen terá que emitir os informes e dar a autorización para regulizar os núcleos singulares”.

A deputada do BNG lembrou que “foi o BNG quen nas dúas últimas lexislaturas presentou proposicións de lei para modificar a Lei de Costas e poder regularizar os núcleos históricos e singulares como o de Marín, entre outros”. Puxo de manifesto que o BNG “cando tivo responsabilidades de Goberno na Xunta, aprobou unha lei do solo en 2007 que incorporou unha disposición adicional para solucionar a cuestión dos núcleos”. Galiza caracterízase por “esa simbiose entre o mar e o rural, de aí os núcleos rurais e históricos”.

O BNG votará en contra da Lei de Costas este xoves 9

Na tramitación da Lei de Costas, que este xoves superará o seu último trámite, o BNG “votamos en contra porque aína que teña avanzos no tema dos núleos rurais, aproveita para estabelecer a posibilidade real de privatizar a costa, de recoñecer os dereitos de empresas e particulares en detrimento do medio ambiente. Abriron a posibilidade real de que a industria contaminante como é Ence poida continuar na Ría de Pontevedra 75 anos máis, cando existía un compromiso do PP de que esta empresa deixaría de ter a concesión no 2018”.

As incoherencias do PP

Criticou Davila as incongruencias e incoherencias do PP: “Á lei do solo de Galiza de 2007, Zapatero impugnouna. E logo o PP, que na súa proposición de lei do Parlamento galego dí que será a Administración galega a que regularizará os núcleos singulares, resulta que na lei estatal négase a esa posibilidade. Practica o doble discurso, o PP dí unha cousa na Galiza e outra en Madrid”.

“O PP que na Galiza está dacordo con que a Administración galega decida a regularización dos núcleos, ben puidera esforzarse en que se contemple na lei estatal tal e como pediu o BNG nas emendas presentadas á lei”, enfatizou Davila.

Aproveitou a parlamentar nacionalista para deixar claro que o BNG “non está dacordo coa a Lei de Costas que virá o xoves ao Congreso porque non resolve debidamente o problema dos núcleos, e por riba, abre a porta a seguer coa especulación urbanística e o deterioro da costa”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG