A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro o voto en contra do BNG a dito Real Decreto que hoxe se debatía e votaba na sesión plenaria.
Reafirmámonos no rexeitamento desta norma porque o Goberno se carga o dereito dos pensionistas a manter os seu poder adquisitivo, cárgase as cautelas no uso adecuado do Fondo de Reserva, e se carga o dereito farmacéutico dos enfermos crónicos, na súa maioría pensionistas, afirmou a portavoz do BNG.
Davila denunciou que o Goberno do PP, nun ano de goberno, e nunha semana de cada dúas, é dicer, cada quince días, aprobou un Real Decreto que supuxo a perda de dereitos por parte dos cidadáns. Con vostés, señores do PP, só perdemos dereitos. E engadiu que con este Goberno, os cidadáns estamos vendidos porque non sabemos que máis van eliminar segundo pasa o tempo.
Neste sentido, enumerou os recortes de dereitos en sanidade, na Lei de Dependencia, en educación ou na xustiza.
Minten e enganan
A deputada do BNG reprochou ao PP que se escude continuamente na herdanza recibida para levar a cabo duros recortes cando vostés levan xa un ano no Goberno, agora gobernan vostés e aproban medidas contrarias ás que prometeron na oposición, e incluso desde o Goberno.
Nesa liña, criticou ao PP por mintir e por agardar a que rematasen as campañas electorais, a galega e a catalana, para proceder a anunciar que non ía revalorizar as pensións. En outubro, en plena campaña, dixeron que cumprirían cos pensionistas. Pero agardaron ao remate das campañas para anunciado. Por que non o dixeron antes?. Direilles por que: porque o único que saben facer é mintir e enganar aos cidadáns.
Son un Goberno que non xera confianza, non son de fiar. E tampouco xeran confianza para poder iniciar a recuperación da economía. Fagan políticas que cren emprego que é a única forma de salvar a Seguridade Social e as pensións.