O BNG vota en contra do decreto eléctrico e acusa ao Goberno de "frear as eólicas na Galiza"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez deixou claro esta mañá no Pleno a oposición do BNG ao Real Decreto de medidas sobre o sector eléctrico.

Rosana Pérez acusou ao Ministro de Industria de “rematar coas enerxías renovábeis e incentivar polas enerxías tradicionais, incluida a nuclear”. “Un decreto que supón un golpe mortal aos territorios como Galiza, cunha grande potencialidade de desenvolvemento no sector das renovábeis, como é o caso das eólicas”.

A deputada do BNG acusou a Soria de “impedir que Galiza poida desenvolver o seu sector enerxético a partir do aproveitamento de recursos renovábeis propios. Frean especialmente o desenvolvemento eólico nun momento de crise económica. Sabe que a supresión das primas fan inviábel o investimento”.

Rosana Pérez reprochou ao Goberno que siga a estratexia das grandes eléctricas culpabilizando ás enerxías renovábeis da suba da luz cando “as renovábeis permitiron que o Estado deixara de ser importador de enerxía eléctrica, reduciron as emisións de CO2, rebaixaron a dependencia enerxética, e constitúen un sector enerxético emerxente”.

Ademáis, a deputada do BNG díxolle ao Ministro de Industria que “a orixe da défice tarifaria nada ten que ver coas enerxías renovábeis”. Puxo de manifesto a necesidade de cambiar o “perverso, opaco e inxusto sistema de cálculo dos prezos da luz que benefician ás grandes empresas eléctricas”. Demandou que se poña “fin aos abusos das eléctricas que sofrimos os consumidores”.

Por último, Rosana Pérez sinalou que Galiza leva moitos anos producindo moita máis enerxía eléctrica da que consume e contribuíndo solidariamente aos custes extrapeninsulares. “Máis está penalizada polo Real decreto 20/2012 por ter instalacións de xeración e transporte de enerxía. Pedimos que o papel de productor excedentario que ten Galiza e o aforro de transporte de enerxía que supón a proximidade entre as centrais de producción e os puntos de consumo no noso pais, débense traducir nuns prezos de enerxía inferiores para a nosa poboación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG