O BNG vota en contra da lei de Ordenación do Transporte porque prexudica a 45.000 transportistas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, defendeu no Pleno do Congreso a emenda á totalidade presentada polas nacionalistas galegas ao proxecto do Ministerio de Fomento de modificación da Lei de Ordenación dos Transportes terrestres.

Para Rosana Pérez o proxecto de lei “enmárcase na liña liberalizadora e avanza no camiño da desregulación dun sector importante para a economía. Aprofundan na liña de flexibilización de requisitos para o exercicio da actividade de transporte por estrada”.

Tamén se vai prexudicar a seguridade

A deputada do BNG puxo de manifesto o aspeito “máis controvertido da lei que é o estabelecemento dunha nova regulación para o transporte lixeiro, e que segundo denuncian asociacións do sector vai prexudicar aos 45.000 transportistas que traballan no sector”. Denuncian que a exención de acreditar requisitos sobre a capacidade económica e capacitación profesional, “vai provocar a entrada de competencia allea ao sector”. Polo tanto, enfatiza, e “baixo o pretexto da liberalización, vanse introducir normas que favorecerán ás grandes empresas multinacionais, vinculadas a operadores loxísticos en perxuizo dos 45.000 pequenos transportistas e autónomos”.

Ademáis, resalta, vai conlevar un relaxo nos controis administrativos relacionados coa seguridade cando se deberían reforzar.

Rosana Pérez advirte que a desregulación contemplada neste proxecto de lei suporá a entrada masiva e desordenada de persoas non profesionais que acabarán desprazando a miles de profesionais con ampla experiencia e adicación de anos.

A liberalización que establece este proxecto facilitará a entrada de grandes empresas loxísticas que acelerarán a concentración e o cese da actividade de pequenos transportistas e autónomos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG