A deputada Montse Prado, acompañada das concelleiras Anxos Riveiro e Carme Fouces, reuníronse esta mañá cos alumnos e alumnas da Escola de Restauración minutos antes de que comezasen a súa marcha reivindicativa cara Compostela, para mostrarlles o apoio do BNG ás súas xustas reivindicacións e desexarlles que esta marcha contribúa a levar a bo porto a loita que están a protagonizar en defensa dos seus dereitos e do seu futuro.
A deputada comunicoulles ademais que este venres a comisión de educación do Parlamento Galego debaterá unha Proposición Non de Lei do BNG na que se demanda da Xunta de Galiza que faga uso das súas competencias en materia educativa e adscriba á Universidade os estudos que se imparten na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, transformándoa así en grao universitario, tal e como demanda a comunidade educativa.