A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá as comparecencias do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que expliquen na Cámara a negativa a construir o dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia en Ferrol.
Promesas do PP incumpridas
A deputada do BNG lembra que esta infraestructura foi unha promesa do actual Presidente da Xunta na campaña eleitoral. Hoxe en día a cidadanía de Ferrolterra e os traballadores de Navantia se sinten enganados. Rosana Pérez quer saber por que a SEPI tardou tanto en anunciar que non se fará o dique, a que se debe o retraso no anuncio cando se excusa que a UE non o permite por consideralo ilegal. Sendo así, non tiñan que sabelo de antes?.
Rosana Pérez insta ao Goberno a non abandoar este proxecto necesario para os estaleiros públicos da Ría de Ferrol, necesario para a comarca, e para os traballadores. Non considera que paga a pena batallar por conseguir que o dique se realice? Vai o Goberno a dar por perdida a batalla? Está disposto a estudar o tema de xeito que se logre a súa construcción?.
A parlamentar do BNG pide ao Executivo que se insista e se estuden todas as posibilidades. Alude na pregunta á xunta de onte de responsábeis de Navantia e da SEPI coa Comisión de Seguimento dos estudos para determinar a viabilidade técnica, xurídica e económica do dique flotante, na que comunicaron que a UE considera que construir esta infraestructura pode vulnerar a directiva comunitaria porque se podería considerar como axudas ilegais.
Fan aeroportos que están valdeiros e non fan o dique flotante
Nese sentido, Rosana Pérez lembra que noutros países da UE existen diques flotantes. Amosa a preocupación do BNG pola situación dos estaleiros públicos galegos que está levando aos traballadores a facer contiuas movilizacións, concentracións e manifestacións. Son moitos os postos de traballo que se destrúen cada semana debido á f alla de traballo.
Rosana Pérez pón de manifesto que o dique flotante permitiría asegurar a viabilidade futura dos estaleiros, e permitiría que o centro de reparacións de Navantia puidese ofertar tamén a reparación e transformación de grandes buques. O seu custe non é elevado se o comparamos con outras infraestructuras innecesarias, como a construcción de aeroportos que hoxe en día están valdeiros, e os seus beneficios serían enormes. Calcúlase que pode custar en torno a 170 millóns de euros.