O BNG votou en contra da Lei de Reforma do Valedor do Pobo que se debateu esta mañá no Parlamento de Galiza porque en palabras do deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal o obxectivo do PP non é o aforro, senón controlar e gobernamentalizar a institución.
Suárez Canal defendeu que coa actual Lei do Valedor se podería conseguir perfectamente o obxectivo de aforro pois nada impide que a día de hoxe, co consenso dos grupos, a institución puiedese estar xa funcionando cun Valedor e cun vicevaledor e acometer unha redución dos 8 asesores cos que conta a institución.
Pola contra, o portavoz de Administracións Públicas e Política Institucional do BNG denunciou que ao PP interésalle manter esta situación de internidade, ao evitar que o comisionado do Parlamento Galego poida exercer a súa función de defensa dos intereses do pobo fronte ao goberno da Xunta, xusto cando este está a impor medidas antisociais.
Suárez Canal advirte de que ao non limitar os prazos de interinidade, benefíase ao goberno
Neste sentido, Suárez Canal criticou que o PP non aceptase as emendas presentadas polo BNG para precisamente limitar os períodos de interinidade no Valedor do Pobo e evitar así que sexa utilizada en beneficio do goberno.
Ademais, criticou as formas nas que se presentou esta reforma de xeito unilateral por parte do PP e non de forma consensuada e conxunta por todos os grupos parlamentares, como pediu o BNG.
Por todo isto, o deputado do BNG concluíu que na tramitación, presentación de emendas por parte da oposición e no propio debate o PP evidencia que quere controlar a institución do Valedor do Pobo , dentro dunha deriva antidemocrática e recentralizadora.