O BNG rexeita os recortes nas contas da CRTVG e reclama respecto para o pluralismo político

A deputada do BNG, Montse Prado rexeita os orzamentos da CRTVG por responder a un exclusivo compromiso de gastos e non ao compromiso real con Galiza

A parlamentaria acusou hoxe á dirección da CRTVG de poñer a Televisión galega “ao servizo do Goberno e do Partido Popular” e non respectar o pluralismo político representado na Cámara galega.

Trala comparecencia do Director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo na Comisión de Economía na presentación dos orzamentos do 2013, a deputada asegurou que “responden a un compromiso de gastos e non a un compromiso real coa cultura e lingua galega nin co pluralismo político”.

Na súa interpelación a Sánchez Izquierdo, a parlamentaria salientou o importante papel da CRTVG como medio de comunicación de titularidade público cunha “información veraz, plural e obxectiva” e reclamou o dereito de medios de comunicación públicos en galego como instrumentos de “impulso e proxección da cultura e lingua galega”.

Os recortes na CRTVG tentan xustificar unha posible privatización

Para a deputada do BNG, os orzamentos da CRTVG son “continuistas”, inciden en máis recortes e utilizan a crise económica como escusa para xustificar a súa posterior privatización.

Neste sentido, preguntou se a CRTVG correrá a mesma sorte das televisións públicas de Madrid e Valencia incursas en procesos privatizadores, porque ao seu xuízo, a aplicación dun “ novo recorte do 7% da Xunta de Galiza” sumado ao da anterior lexislatura, ( cun total de 34 millóns de euros), provocará “recortes do servizo, máis recortes no emprego directo da CRTVG e restará apoio ao sector audiovisual”.

Para a deputada, os orzamentos da CRTVG constitúen un factor máis de recesión en Galiza e o deterioro evidente dun servizo público que dende o BNG, dixo, xa cualificamos de “máquina de propaganda do Goberno galego e do Partido popular”.

Prado denunciou as presións, por parte das direccións da Radio e Televisión galega, sobre os traballadores e o incumprimento da Lei de creación da Compañía, a hora de defender a cultura e a lingua galega.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG