O BNG rexeita o proxecto de lei de representatividade das organizacións agrarias por centralista

CONGRESO XUÑO 2013 002A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou no Pleno a oposición do BNG ao proxecto de lei que regula o procedemento de determinación da representatividade das organizacións agrarias e se crea o Consello Agrario.

A principal crítica do BNG a este proxecto que regula a representatividade das organizacións agrarias, estriba no feito de que se exclúan do proceso de elección a miles de labregos e labregas que pertencen a organizacións territoriais como as galegas e non a organizacións de carácter estatal.

“Impídese deste xeito a representatividade das organizacións agrarias dos diferentes territorios do estado como é o caso das existente na Galiza, conculcando así o estipulado na propia Constitución que recolle os dereitos das nacionalidades históricas”, sinalou Davila.

O BNG en desacordo coa decisión dunha única circunscripción eleitoral estatal

Para a deputada do BNG o feito de que estas organizacións non se presenten nun mínimo de CC.AA non debe ser razón para impedir a súa participación nos órgaos de interlocución a nivel estatal. Amosou o desacordo do BNG coa decisión de estabelecer unha única circunscripción eleitoral estatal cando cremos que debería haber unha circunscripción por cada CC.AA.

Asemade, censurou que non se teña en conta de maneira prioritaria para otorgar a condición de eleitor o factor de vinculación co sector agrario. “Non se debe circunscribir só á representación de empresarios agrarios, senón que se debe ter en conta aos traballadores por conta propia porque as súas actividades agropecuarias son o seu medio básico de vida”.

Outra das críticas vertidas por Davila centrouse na cuestión da igualdade. “Vostede dixo que un tercio será de representación femenina, e non estamos dacordo, consideramos que se debe dar cumprimento á lexislación actual, que fixa un mínimo do 40%”.

Rematou, poñendo de manifesto que dada a condición de traballador ou traballadora por conta propia, algo característico de grande parte dos labregos e labregas, o axeitado sería que o recoñecemento de organización agraria se rixa tanto pola lei que regula as organizacións agrarias como a das organizacións empresariais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG