O BNG reproba que a Xunta vulnere a Lei para atacar a lingua galega

Ana Pontón lamenta a “cruzada contra o galego” iniciada polo Partido popular

A portavoz de Política Lingüística do BNG, Ana Pontón acusa ao Goberno galego de “desacato á lei” por non cumprir á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulou o artigo 5.2 do Decreto do Plurilingüísmo referido á realización da enquisa destinada a determinar a lingua na Educación infantil.

A deputada afirma que a sentenza constata que a enquisa ademais de ser “ilegal”, foi un arma utilizada polo Partido popular para “varrer a presenza do galego no ámbito da Educación infantil”.

Pontón explica que, tras tres anos da aplicación do Decreto o seu resultado reflicte que nas áreas urbanas a presenza do galego no tramo da Educación infantil ficou “varrido e na marxinalidade” cun 5 por cento.

Ademais, a deputada asegura que a enquisa “carece de rigor científico e pedagóxico” e foi remitida iniciado xa o proceso de matriculación polo que, ao seu xuízo, resulta unha “auténtica chapuza e carente de credibilidade”.

A nacionalista esixe que a Xunta acate a sentenza e remate cos ataques ao idioma galego. Dende o BNG, engadiu, “esiximos a rectificación dunha política que só conduce a que nenos e nenas que conclúen a etapa educativa non conten con plenas competencias lingüísticas en galego”.

Finalmente, a parlamentaria do BNG reclamou que a Xunta retire a enquisa e abandone “a súa política belixerante” contra o idioma galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG