A deputada do BNG, Montse Prado reclamou unha alternativa gratuíta de aparcamento para profesionais e as persoas que acoden ao novo hospital de Vigo así como poñer en marcha o transporte público para todo o territorio que abarca a área sanitaria de Vigo
A parlamentaria do BNG, Montse Prado instou hoxe ao goberno, a través dunha Proposición non de lei, a ofertar unha alternativa gratuíta de aparcamento, tanto para o persoal do novo hospital de Vigo como para as persoas que deben acudir ao centro así como poñer en marcha un plan específico de transporte público, de carácter intermodal, para todo o territorio que abarca a área sanitaria de Vigo.
Na súa intervención,na comisión de sanidade, a parlamentaria volveu a reprobar que o PP beneficie a empresas amigas que fan caixa a conta da saúde dos galegos e galegas.
Ante a alarma, desconcerto e incertidume entre os profesionais e a falta de información,dixo, o PP non escoita aos profesionais, nin aos grupos parlamentarios nin aos veciños e veciñas de Vigo que piden explicacións do que está acontecendo co novo hospital, Álvaro Cunqueiro no que se levan detectado numerosas incidencias.
A parlamentaria lembrou que no pasado pleno, o Goberno descualificou as denuncias de traballadores/as e doentes pero onte mesmo, dixeron alto e claro que o novo hospital está nunha situación caótica que o PP non quere ver.
En relación ao parking do hospital, a parlamentaria respondeu ao PP que o bono mensual é un atraco e unha estafa ás persoas que acoden para seren atendidos así como para o persoal sanitario.
O hospital de Vigo non responde ás necesidades sanitarias da área de Vigo porque o interese do PP é beneficiar a empresa e os servizos concesionados, reiterou a deputada. Nós, remarcou, negámonos a aceptar un imposto á enfermidade e un imposto aos traballadores e traballadoras que ven mermados os seus salarios por ter que pagar o parking para ir ao seu traballo.
Javier Dorado, portavoz do PP, parafraseando ao propio Fijóo, afirmou que hai que rescatar o hospital de Vigo das mentiras como que se cobra pola auga ou se paga por durmir nun sillón. Estamos, dixo, ante un hospital dos máis modernos de Europa e volveu a recriminar á oposición as súas críticas que considerou inxustificadas
Na quenda de réplica, a nacionalista respondeu a Dorado que a súa intervención respondeu ao litixio entre a Xunta e o concello de Vigo e ao famoso ti máis pero do que se trata é de que o PP rectique e posibilite un aparcamento gratuíto e transporte público para acceder ao novo hospital.