O BNG reitera aposta pola candidatura galega de unidade e propón primarias para elixir candidat@s

O BNG reitera a súa vontade de contribuír a conformar unha candidatura galega de unidade para as eleccións xerais, sumando a toda a cidadanía e a todas as forzas políticas que apostan por dar a Galiza voz soberana no Congreso cun grupo parlamentario propio.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

Neste sentido, o portavoz nacional, Xavier Vence, pide a Anova un compromiso activo coa mesma xenerosidade que ten amosado o Bloque renunciado as siglas e ao protagonismo, “para poder contribuír a conformar esa candidatura galega de unidade que hoxe é un obxectivo e unha ilusión para moita xente deste país”.

“Pensamos que ten que haber un avance nesa candidatura unitaria onde esperamos que Anova se comprometa, porque ata agora non está participando activamente nas plataformas unitarias que se teñen formulado e que, desde o BNG, pensamos deben confluír”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.

“Esperamos que todo o mundo sume e podamos dar pasos o antes posible porque o tempo aprema, coa participación do máis amplo elenco de forzas políticas e, sobre todo, de cidadanía”, salientou Vence, quen insta a chegar a acordos antes de falar de candidatos.

“Non se empeza a casa polo tellado propoñendo nomes como candidatos antes de que haxa un acordo entre as forzas políticas e a cidadanía”, argumentou. “O primeiro paso é o acordo para conformar esa candidatura galega de unidade e despois falar de candidatos”, subliñou, tras indicar que o Bloque aposta por un proceso de primarias para elixir aos candidatos e candidatas.

“O BNG pensa que é preciso abrir un proceso de primarias para a elección de candidat@s, e se Anova e o señor Beiras se incorporan a esa candidatura unitaria, obviamente deberían participar nese proceso de primarias e estariamos encantados de que se presentase”, explicou Vence.

A preguntas dos medios, o dirixente nacionalista insistiu en non poñer “o carro diante dos bois, a non ser que a estratexia sexa outra”, dixo, tras lembrar que Podemos xa ten anunciado que vai concorrer coas súas siglas. “Parece que Beiras, nun diálogo bilateral con Podemos, se ofrece para poder ser candidato”, indicou.

O Bloque considera que a ausencia de maiorías absolutas no próximo Congreso da especial relevancia ao obxectivo de que Galiza loite por ter grupo parlamentario propio, porque haberá máis capacidade de negociar con éxito a favor dos intereses dos galegos e galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG