O BNG reclama no Parlamento medidas efectivas contra as sancións aos emigrantes retornados

Tereixa Paz en Comisión

Tereixa Paz volveu denunciar o “descoñecemento da obriga a declarar ” das persoas sancionadas e pediu a paralización de todos os expedientes

Tereixa Paz en Comisión

A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe ao Goberno galego “a paralización dos expedientes sancionadores” a emigrantes retornados, a través dunha Proposición non de lei debatida na Comisión de Economía que o Partido popular rexeitou.

Para a nacionalista, a situación da que son vítimas o colectivo de emigrantes retornados, resulta “insostible, inxusta e ilexítima”. Xa pasou o momento, manifestou Tereixa Paz, das “declaracións vacuas”, de amosar unha “falsa comprensión e solidariedade”, deixando que as cousas fiquen sen resolver. Agora, é o momento de actuar decididamente ante o Goberno do Estado e poñer fin definitivamente a esta dramática situación.

Tamén pasou o momento de enviarlle cartas ao Ministro, “hai que pasar a exercer toda a presión política para que se deixe de tratar aos retornados como “defraudadores”, xa non queremos máis palabras baleiras, o colectivo de retornados/as esixe “feitos concretos”.

Non son defraudador@s

Non vale que digamos que non son defraudadores se logo os tratamos como tal. Se o PP afirma que non o son, “que actúe en consecuencia”. Se non son defraudadores haberá que paralizar de oficio todos os expedientes, devolverlles os cartos das sancións ademais dos xuros impostos inxustamente.

A deputada do BNG lembrou que existen sentenzas e resolucións da propia Axencia Tributaria recoñecendo a falta de información destas persoas a declarar as cantidades reclamadas. A Axencia Tributaria recoñece nunha resolución "que se trata dunha normativa escura e de confusa interpretación".

Tereixa Paz lamentou que o Goberno galego “mire para outro lado” nun asunto que afecta a miles de familias galegas, “cada día que pasa son máis porque a campaña de requirimentos non parou senón que se está a intensificar”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG