O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas preguntou no Parlamento polos criterios da Xunta sobre a xestión dos fondos FEMP, (Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro Europeo), que lle corresponden a Galiza
O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta na comisión de Asuntos europeos relativa os criterios utilizados pola Xunta para o reparto dos fondos procedentes de Europa para a actividade pesqueira e as medidas a aplicar.
Rodas criticou a nova centralización do Estado español sobre os fondos FEMP que recortan a capacidade de xestión de Galiza, volvendo, dixo, a un modelo arcaico e inoperante ademais de alonxado da realidade galega. Desa maneira, recalcou, resulta moi difícil que Galiza utilice os fondos europeos para fortalecer, protexer e impulsar o seu principal sector económico.
Para o deputado, resulta fulcral que sexa a Xunta a que xestione os fondos e defina claramente os criterios porque é preciso condicionar o financiamento para fomentar a pesca responsable, o apoio a acuicultura e os fondos que serán dedicados a innovación.
Na súa intervención, Rodas explicou que dos 1.161 millóns de euros que repartirá o Estado español, a Galiza correspóndenlle 370, polo que preguntou cáles son as previsións da Xunta tento en conta que o Goberno galego aceptou o criterio de máis barcos que dereitos de pesca o que suporá, que ante a imposibilidade de pescar pola falta de cotas, só serán salvados os armadores que recuperarán parte do investido porque se mantén como criterio o despezamento dos barcos.
Asemade, engadiu, ningunease o noso sistema de pesca tradicional apostando por un suposto novo modelo ecolóxico de cría de peixes.
O deputado tamén botou de menos medidas que favorezan a produción marisqueira, a unidade do asociación mexiloeira, fixación dun prezo mínimo ou acceso ao crédito.
Por outra parte, criticou a ausencia de medidas contra o clientelismo e de apoio a comercialización e transformación, industrial non vinculada ao produto autóctono e tampouco hai medidas, dixo, para paliar os baixos prezos para produtores nin en defensa da pesca artesanal fronte ás importacións.
Finalmente, sobre emprego, dixo que o futuro que nos ofrece Madrid é o do turismo mariñeiro cando a nosa realidade é a dun sector sector envellecido e cun algo índice de emigración da mocidade e sen cotas que nos impiden pescar.