O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, vén de reclamarlle a Consellería de Medio Rural e Mar medidas urxentes para impedir a desaparición da frota galega, que está abocada ao desguace pola ou ao cambio de pavillón para outro país da UE, polas medidas impostas por Bruxelas e aceptadas por Madrid.
O deputado do BNG, Daniel Rodas, denuncia que a política da Consellaría do Medio Rural e do Mar é aceptar as directrices que Bruxelas impuxo cando se entrou na CEE, isto é aplicar os criterios de recoñecemento dos dereitos históricos de pesca en augas comunitarias, o criterio de conservación dos recursos mariños e o principio de estabilidade relativa. Con estes criterios levase conseguido que os países fortes da UE, Francia, Reino Unido, Bélxica, Holanda, Dinamarca e Alemaña trocaran supostos dereitos históricos por cotas pesqueiras, e no reparto de cotas, lograron que o Estado español, vendera a Galiza, co cal hoxe carecemos de cotas suficientes para facer viábel a nosa frota. Nesta situación a frota galega vese abocada ao desguace ou ao cambio de pavillón. Galiza perde frota mentres outros paises como Gran Bretaña e Irlanda están a incrementala.
As medidas de asfixia impostas pola UE, obriga a que os armadores busquen alternativas ou soliciten a paralización e o desguace. Así, nos últimos anos máis de 20 buques de Gran Sol cambiaron a súa bandeira por pavillón británico. Buques que xeraban actividade e emprego nos nosos portos como Udra, Sanamedio, Armaven Uno, Nos, O Genita, Coelleira, Piedras, Cabo Ortegal, entre outros, son hoxe unha fonte de riqueza para a economía inglesa e un drama para a economía galega.
Asumir responsabilidades
O BNG, ven de presentar diversas iniciativas no Parlamento galego, instando ao Goberno galego a que asuma a súa responsabilidade coa nosa pesca e adopte decisións urxentes para impedir que máis de 57 barcos estean a solicitar o desguace por non ter futuro ou que máis de 20 buques teñan cambiado de bandeira, para poder subsistir. Alternativas, que son as que plantexa a UE, para a frota galega, como única vía para poder estar en Europa. Dende o BNG, creemos que Galiza ten futuro, con un goberno que defenda a súa pesca.